Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

O amigo chinés

É oficial. A multinacional chinesa SAIC levantará en Ferrolterra un complexo fabril para ensamblar coches eléctricos en 2027. Eso si -tirando de retranca-, será unha factoría para xogar aos legos. As pezas produciranse en oriente e aquí encaixaranse. Chega a carrozaría lista, as portas cos seus cristais e automatismos, o habitáculo, o motor cas baterías e o cableado xa instalado... e ata cunha man de pintura. Un automóbil semi-desmontado pero completamente rematado, que se entrara enteiro en Europa consideraríase un coche chinés; daquela mándano a cachos e coma se xuntan aquí, resulta que é «Made in UE». Esto copiáronllo ao téxtil, Nike por exemplo: fabricaba en Filipinas as súas zapatillas e logo en Oregon cosía as etiquetas e xa eran «Made in USA».

Pola contra, a Citröen/PSA/Stellantis de Vigo si é un modelo de integración total. A definición perfecta de «industria da automoción». Entra un rolo de aceiro por unha porta e, unhas horas despois, sae un coche noviño do trinque pola outra. En Balaídos créase o chasis, a estrutura, sóldase, píntase,... e logo as empresas auxiliares van fornecendo parabrisas, freos, asentos, cables, airbags e toda esa trapallada que leva un vehículo por dentro, ata que o enxeño toma a sua forma definitiva.

Se houbera que montar as xigantescas prensas de estampación, os robots de soldadura, as cabinas de pintura, as liñas de montaxe e a loxística... partindo de cero, o custo de erguer algo así podería ascender -fácil- a uns 4.000 millóns euros. Tendo isto presente, afirmar que cos 200 millóns que se destinarán para Ferrol e As Pontes móntase unha fábrica pois é -como expresalo?- algo infantil. Ou iso, ou que nos tomen por parvos.

Seguindo a sucesión dos feitos -esa «durisísima e complicada» negociación con SAIC-, semella que os chineses fannos un favor ao instalar o seu mini-taller no Far West galego. Cando a lectura ben pode ser a contraria: están tolos por vender os seus coches en Europa e precisan inventar algo para despistar os controis de importación (as taxas arancelarias da Unión). Porque o automóbil fabricarase na China, teñámolo moi presente. Aquí nen se puido rabuñar que montaran unha fábrica de baterías... nen iso; pero foi un éxito traelos!

Para entendermos, o que pretenden armar no porto exterior ferrolán é unha aduana industrial. Arriban «pezas» de Shanghai, compóñense en Ferrolterra e polo poder de San Andrés de Teixido, temos coches europeos! ...e sen pagar un can pola importación. Un milagre! Que, por outro lado, a ver se logo das risas non veñen os choros. Porque en Vigo fabrícanse autos e tamén son para vender. É dicir, que nos aledamos de recibir novas industrias, en especial no Stranger Things d’As Pontes... pero tampouco queremos perder man de obra no sur. «Capisci?», diría Paco Vedra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents