Opinión | VOYAGER

Escritora
O papa, Bad Bunny e as feiras do libro
A inauguración da Feira do Libro de Madrid colleume viaxando a Suíza, motivo polo que non puiden asistir nesta primeira fin de semana. Por fortuna, o evento esténdese ata o 15 de xuño no que prometen ser semanas de altas temperaturas, afluencia masiva de público e a sensación de que os libros ocupan o centro da conversa. A feira chega este ano á súa edición número 85 cunha aposta temática arredor do humor e a sátira, baixo o lema «Leer y reír». Haberá 366 casetas e máis de seiscentos selos editoriais representados, entre os que me resulta grato destacar a presenza cun stand propio de editoriais galegas coma Cumio, Triqueta, Alvarellos ou Kalandraka.
As cifras da feira son astronómicas: máis de 450.000 exemplares vendidos na pasada edición. Mais o verdadeiramente interesante é a capacidade que tivo Madrid para converter a feira nun acontecemento cultural transversal. É unha experiencia de inmersión, un evento ao que a xente vai pasar o día. Certo é que o parque do Retiro contribúe en gran medida a ese poder de convocatoria.
Resúltame divertida a coincidencia de chegar a Madrid o mesmo día ca o papa León XIV e Bad Bunny. A imaxe da cidade dividida entre ambas as dúas figuras fai inevitable que escape un sorriso: mentres o Papa celebra a súa gran vixilia na Praza de Lima, Bad Bunny estará dando un dos seus concertos no Metropolitano. Nunca tal se vira!
Alén desta brincadeira e coa mirada posta en Galicia, agás excepcións moi concretas —e aquí cómpre citar a Feira do Libro da Coruña pola súa capacidade histórica de convocatoria e polo número de librarías que acoden— a inmensa maioría das feiras continúan ancoradas nun formato practicamente inmóbil desde hai décadas, que funcionou durante anos, mais que hoxe mostra sinais de desgaste.
Mentres outros eventos culturais internacionais entenden que o público contemporáneo busca sentirse parte activa do evento, boa parte das nosas feiras ofrecen un formato máis pasivo. O reto non é sinxelo, ben o sei, mais existen exemplos próximos que demostran que outra vía é posible. Vilagarcía Cidade do Libro conseguiu introducir unha idea máis moderna da programación cultural: actividades híbridas, forte presenza do público infantil e xuvenil, utilización ampla do espazo urbano e unha concepción da literatura como encontro social. Algo semellante ocorre coa Festa dos Libros de Pontevedra, que entendeu que unha feira debe parecerse máis a unha celebración onde toda a cidade quere participar porque tal e como apunta o seu nome, é unha auténtica festa.
O espello internacional resulta aínda máis revelador. O Hay Festival converteu a pequena localidade galesa de Hay on Wye nun epicentro cultural global combinando literatura, pensamento, música, política, ciencia e espectáculo, achegándose aos retos políticos, sociais e medioambientais contemporáneos. O Hay Festival triunfou porque soubo crear atmosfera, crear debate e tamén porque cada charla semella un acontecemento irrepetible. Na súa programación conviven concertos, eventos gastronómicos, intervencións artísticas e formatos escénicos capaces de atraer públicos diversos.
O mesmo podería dicirse da Feira Internacional del Libro de Guadalajara ou do Edinburgh International Book Festival, onde a literatura dialoga constantemente co audiovisual, a música e o activismo. As feiras deixaron de ser só puntos de venda de libros para converterse en grandes festivais culturais.
Galicia ten o potencial para avanzar cara a un modelo máis próximo aos que veño de describir, polo se tecido editorial, polas súas cidades e vilas e, por suposto, polas autoras e autores que brillan en todos os xéneros literarios. Mais talvez falta interiorizar que unha feira non pode sosterse unicamente sobre a inercia ou sobre formatos que apenas mudaron en vinte anos. Como facer que as feiras volvan espertar a nosa ilusión e transformarse en espazos vibrantes é a cuestión que compre abordar desde as ganas de construír e dar un salto imprescindible.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Se abre uno de los carriles de la AP-9 en Mos donde volcó un camión cisterna con 32.000 litros de gasóleo
- Más de 270.000 inmuebles gallegos deberán adaptarse a las exigencias de eficiencia energética de la UE
- La pesca de recreo sostiene ante el Supremo que el sistema de control español es «más gravoso» que el modelo de la UE
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- El coro del colegio Cluny de Vigo emociona a Abraham Mateo con su versión de 'Lánzalo': «Se me metió algo en el ojo»
- 500 paraguas en 30 m²: seis décadas de los Rodríguez en Vigo
- El comercio del metal de Pontevedra planea cuatro días seguidos de huelga