Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

Paz, compañeiro do metal

Antolín Alcántara (d.), con Miguel Anxo Malvido (e.), durante a folga do metal do 2009.

Antolín Alcántara (d.), con Miguel Anxo Malvido (e.), durante a folga do metal do 2009. / R. G.

Antolín Alcántara pertencía a unha liñaxe de sindicalistas que hai tempo que desapareceu. Daqueles aos que podías chamar por teléfono —non había guasap daquela— á hora que fose, que sempre che collían, antes de que as organizacións sindicais apostasen por centralizar toda a información a través dos gabinetes de prensa ou das súas páxinas web. Eran outros tempos, claro. Coñecino antes das folgas do metal de 2007, nalgún conflito empresarial, non lembro se foi co peche de Delio ou outro, e o primeiro que che transmitía era o seu magnetismo persoal, cunha ollada escrutadora coa que te puña en garda, e a súa paixón pola defensa dos dereitos dos traballadores. Iso por riba de todo.

Era un bo tipo Antolín. «Carneiro, como che vai, rapaz?», dicíame naquela época. Falaba pausado, con calma, expoñendo os seus argumentos, fosen os que fosen, ata que ía entrando en calor. Era entón cando deixaba saír o xenio, e tiña dabondo. Cando Antolín falaba, todos calaban. Era un excepcional orador. A imaxe que todos gardamos del é co micrófono na man, falando nas asembleas do metal, comandando con outros compañeiros da CIG e de CC OO —como o finado Pepe Cameselle ou o meu veciño Ramón Sarmiento— e UXT a milleiros de traballadores polas rúas de Vigo. Foi un líder nas folgas de 2007 e 2009, cun custo persoal para el, pola ocorrencia de ocupar os edificios administrativos da Xunta no Areal e de Facenda, na rúa Lalín. 

Temido pola parte empresarial, respectado polos seus compañeiros, Alcántara non pasaba desapercibido. Aínda de cando en vez coincido con Miguel Anxo Malvido na piscina. No seu tempo formaban un bo tándem na CIG, el máis Antolín. Lin que estivera na mariña mercante alemá. Iso non o sabía. Si sabía do seu paso por Citroën —non acabou ben a cousa— e da súa carreira na central nacionalista, da que chegou a ser secretario confederal de Negociación Colectiva en tempos de Suso Seixo. Unha mágoa que nos deixase, pero sei ben que deixou pegada, que inspirou a moitos e que a CIG perde un referente. Alguén irrepetible. Podías estar de acordo ou non con el, pero polo menos podías falar libremente. Outra cousa é que che fixese caso.

Antolín pertencía a esa caste de sindicalistas que non precisaban postureo para impoñer presenza nin manual de comunicación para facerse entender. Bastáballes a voz —con altofalante, iso si—, a convicción e unha forma de estar que hoxe escasea. Por iso a súa morte séntese un pouco máis: porque con el non se vai só un home, vaise tamén unha maneira de loitar, de falar e de dar a cara que cada vez se ve menos. 

Paz, compañeiro do metal.

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents