Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Da Casa común á IA desarmada

A publicación da primeira encíclica do papa León, Magnifica humanitas, fainos pensar que, contra o que moitas veces se ten dito e escrito, o maxisterio pontificio é unha reflexión en permanente avance froito de ter unha mirada comprometida, creativa e histórica da realidade e dos acontecementos que nela van ocorrendo. Non é un mirar ao pasado para recuperar formas e estilos de pronunciamentos sobre cuestións hoxe inexistentes.

Así, cando o papa León se achega ao mundo da IA faino porque esta é unha cuestión que está sendo relevante e que se vai incorporando a tódolos ámbitos da vida do ser humano. Do mesmo xeito que tamén o foi no seu momento a publicación da Laudato si de Francisco sobre a ecoloxía integral e a incorporación da cuestión medioambiental ao patrimonio maxistral da Igrexa. E ámbalas dúas cuestións na perspectiva do Concilio Vaticano II cando urxe a saber interpretar os «sinais dos tempos» (GS 4). Nada novo, entón; inda que moitos, agora comentaristas de cuestións de Doutrina Social da Igrexa desde os seus altofalantes cotiáns de realidades políticas e económicas, denigren desde unha banda ou se fagan especialistas e entendidos en cuestións teolóxicas por outra.

A realidade é moito máis sinxela e simple. A Igrexa, sabéndose continuadora da misión de evanxelizar seguindo o mandato de Xesús, achégase ás cuestións que ocupan e preocupan aos homes e mulleres do noso tempo, compartindo —non impoñendo ou presionando, como algúns teñen manifestado ao comentar a encíclica— a súa visión da IA. A reflexión que propón o papa non busca titulares nin adhesións de políticos ou economistas, senón que ofrece unha proposta que, desde o ámbito ético moral, urxe a non tomar acriticamente a IA, non en si mesma, senón o seu mal uso e as consecuencias que dese mal uso se poden acabar derivando para o respecto da dignidade de todos os seres humanos, e moi especialmente das persoas máis débiles e empobrecidas.

Non é polo tanto, como tamén se ten predicado desde algunhas tribunas de prensa, radio e televisión, un texto eurocentrista con pretensións de universalidade. Non. É un texto que se escribe desde Europa, porque o seu autor vive na Cidade do Vaticano; pero contando coas voces e aportacións de homes e mulleres, especialistas de ámbitos diferentes. Por iso tamén presenta unha visión integral desde á que achegarse a esta realidade chamada IA. Como a mesma Igrexa, temos diante un texto universal que se dirixe a toda a humanidade. Porque é toda humanidade a que sofre as consecuencias da utilización da IA con sesgos, ideoloxizacións, intereses económicos ou políticos, inda que se presente baixo a xeira de algo inocuo e neutro. Nada pode ser nunca neutro cando detrás ten a man do ser humano, que é, quen á fin e ao remate a programa para que actúe dun ou doutro xeito.

Tampouco debemos pasar por alto unha cousa que nunha primeira achega omite quen dela está a falar desde o momento un da súa publicación: que é un texto que lle dá continuidade á Doutrina Social da Igrexa que, como síntese e estrutura, xorde coa publicación da Rerum Novarum do papa León XIII, e que tivo continuidade con outros moitos textos sociais publicados polos diferentes papas que despois del ocuparon a cátedra de Pedro. Textos nos que se foron abordando os novos problemas que ían chegando á sociedade e sobre os que era preciso reflexionar para ofrecer unha proposta desde unha fe con dimensión social e comprometida co que ocorre e lle ocorre ás persoas que viven no mundo, para evitar a deriva cara a situacións nas que a persoa deixaba de ser fin para converterse en medio de quen tiña, e segue a ter, poder de dominar, influír, mandar e impoñer criterios de control e deshumanización.

Benvida Magnifica humanitas para suscitar o necesario debate que nos leve a non caer no irenismo de considerar sen máis a IA como unha proposta boa e humanizadora. Non se ha esquecer nunca, en ningún ámbito da vida, que o fin nunca xustifica os medios. Porque non todo o que se pode facer técnica e tecnoloxicamente se debe facer ética e moralmente.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents