Opinión
A Branca Vela de Budiño

O gaiteiro Xosé Manuel Budiño. / ECG
O pasado 15 de maio fomos ver a Xosé Manuel Budiño no Teatro Afundación, anticipándonos ao 30 aniversario que cumprirá o próximo 2027 da edición do seu primeiro disco Paralaia —1997—, título procedente do monte homónimo situado na súa Moaña natal, que por acaso foi o seu primeiro paraíso visual, pois desde a súa casa podía albiscarse tan espectacular cume. Daquela, temos localizado a Budiño, xa desde os seus comezos, nunha paraxe concreta, que marcará o seu devir como músico; así, durante os primeiros anos oitenta formou parte da escola de gaitas Semente Nova. Despois achegouse ao Obradoiro de instrumentos populares da Universidade Popular de Vigo, institución que lle facilitaría ser gaiteiro solista da banda Xarabal. E posteriormente comezaría a súa profesionalización cando a comezos da década dos anos noventa participou no Festival Intercéltico de Lorient, onde gañaría o premio MacCallan. A rota atlántica-céltica xa estaba traxada, e dentro dela incluía a súa admiración polo músico irlandés Davy Spillane. Aquí en Galicia participou na fundación do grupo Fol de Niu.
Por conseguinte, o seu primeiro disco en solitario amosaba a madurez que era de agardar deste creador e intérprete, pois ademais estaba ben acompañado, por exemplo por Mercedes Peón, muller que xunto ao propio Budiño deron unha volta de torca á música folk galega contra finais do pasado século XX. A esencia permanecía, a raíz, á par que o contexto ía mudando segundo condicionasen as circunstancias. Naquela encrucillada, íase resolvendo con habilidade o asentado binomio tradición versus modernidade. E parello a esta evolución, ía desenvolvendo unha traxectoria que non entendía de lindeiros xeográficos. Así, resulta especialmente simbólica a súa subida á Catedral de Santiago para tocar a composición Compostela, segundo encomenda da BBC e outras televisións públicas de todo o mundo para anticipar a proximidade do ano 2000. Xa no século XXI, Budiño continuaría ampliando a súa discografía con novos títulos tais coma Sotaque, Home ou Zume de Terra. Neste último incluíu a voz do mesmo Castelao pronunciando o único discurso falado que se conserva do noso egrexio intelectual, artista, escritor e líder galeguista.
Documento sonoro que tamén puidemos escoitar no referido espectáculo do 15 de maio, titulado Branca vela, e no que Budiño mostrou as súas habilidades como cantante, frautista, guitarrista e gaiteiro. Ademais estivo acompañado dunha banda completada en base a acordeón, teclado, percusións, sons programados e bailadores. E para que o pouso étnico quedase máis claro, desde o alto do escenario os cantareiros de O Fiadeiro fixeron gala da súa desinhibición coa intervención —penso eu— máis impactante de todo o espectáculo. Opinión que non desmerece en absoluto da que poidamos ter dos demáis intervintes. Budiño ten claro o seu concepto artístico e sabe que a música, amais do seu compoñente sonoro, tamén ten o visual. Así o puidemos comprobar coas imaxes que se proxectaban sobre a pantalla, na que en ocasións veriamos ao protagonista cantar mentres o facía en primeiro plano do escenario. Coa súa música, Budiño reproduce sons ancestrais ao tempo que é permeable ao latexar deste século XXI, ao balbordo que se produce no cotián, por exemplo no mar de Vigo, nos estaleiros, nos barcos que comunican a nosa cidade coa península do Morrazo da que procede. Confiamos en que a súa rota siga firme, axeitando e sobre todo dixerindo canto o devir lle vaia deparando. A súa é unha opción arriscada e nese sentido o seu mérito é maior. Por iso sorprendeu que ao final do espectáculo soase, gravada, a célebre «Sementeira» de Fuxan os Ventos. Se cadra, o músico de Paralaia asume como propio o legado de Vicente Risco: calquera esforzo que fagamos polo noso País, sexa grande ou pequeno, será sempre sementeira.
Xoán Manuel Estévez Freixeiro é crítico musical. Membro da Asociación Cultural Pertenza
Suscríbete para seguir leyendo
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- Aparece, en perfecto estado, la joven que la Policía de Moaña buscaba desde la noche del martes
- Hoy se publican las notas de la PAU en Galicia: cómo y cuándo reclamar correciones y qué posibilidad de éxito tienen
- El personal del Meixoeiro, en taxi a trabajar
- La exmujer del agente FIFA Toni Otero acepta dos años de cárcel y deberá devolver casi 400.000 euros
- Aprueban la PAU más polémica en Galicia el 96,25% de los presentados, más que el pasado año
- Juicio a un cigarrón del Entroido de Verín acusado de herir con el látigo a una mujer embarazada: «Se lo recriminé y no mostró arrepentimiento»
- Teis se cita en A Riouxa con su primera «Sardiñada, artesanía e moita troula»
