Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Saber acoller a quen vén

A dignidade humana é universal e a Igrexa debe afirmar a imaxe de Deus en cada persoa, sen impoñer límites.

Neste mundo de crispada confrontación, as présas, a emotividade, as medias verdades interesadas, o esquecemento de principios e valores universais e a primacía do relato ideolóxico a favor das posicións persoais e sen ánimo de buscar lugares de entendemento e puntos de encontro, o obvio deixa de selo, namentres que a opinión, sempre subxectiva é elevada a rango de verdade universal que se impón, por contraditorio que pareza, sen atender ao que poden pensar outras e outros ou o que nos di a realidade que temos dianteDesde este subxectivismo ideolóxico e individualista desautorízase a quen non subscriba este xeito de pensar, sexa o papa, os bispos ou calquera crente que teña a ben cuestionar tal posicionamento como afastado do evanxeo.

Nun mundo así, son moitas as persoas, mesmo daquelas chamadas crentes, que mostran o seu rexeitamento e a súa queixa cando as persoas cristiás, desde calquera parte do mundo e desde a lóxica do evanxeo —lóxica da que nunca deberiamos ternos apartado—, afirmamos que a acollida por riba de culturas, cores de pel, credos ou áreas xeográficas é o cerne da fe en Xesús, é o cerne da fe cristiá.

Porque a fe non é algo abstracto que cada quen vai arrimando á súa beira segundo a propia comenencia; en tempos crispados e nos que parece imposible acadar achegas para sentar e escoitarse, precisamos ter claro, sen ningún tipo de equívocos, que a referencia para as persoas cristiás ha ser sempre o evanxeo, un evanxeo que, como non deixou de insistir o Concilio Vaticano II, cómpre inculturar e que non se reduce a unha única opción ideolóxica e partidaria concreta.

Non calar ante a confusión interesada

Por iso diante desta realidade de confusión interesada, cómpre non calar ou dar por boa toda esta xeira de descualificacións de persoas e institucións que traballan e defenden, por riba de intereses ideolóxicos ou económicos, a dignidade da persoa, de todas as persoas como expresión e fidelidade á mensaxe de Xesús recollida no libro que para toda persoa crente é raíz e tronco desde o que ir desenvolvendo e concretando o discipulado do Mestre no medio e entre as realidades do mundo actual.

A pesares de que en non poucas ocasións os termos cristiáns e cultura cristiá se utilicen para xustificar as posicións que buscan diferenciar entre bos e malos, ortodoxos e heterodoxos ou fieis e infieis, arrogándose, eles mesmos, a misión de outorgar carnés identificativos e identidarios, é un contrasentido poñer límites e fronteiras, repartir nacionalidades entre os dos nosos e dos outros, xustificar coa mentira e o emotivismo a través das redes actitudes de xenofobia, rexeitamento e exclusión de seres humanos. A antropoloxía cristiá, ben desde unha visión máis tradicional ben desde unha visión máis renovadora, non deixa nunca de afirmar que toda persoa é «imaxe e semellanza de Deus». Un Deus que non diferenza nin parcela atribuíndo patrias e nacionalidades. A dignidade é universal, sen partillala con fronteiras, porque todas e todos temos recibido o agasallo da graza do Deus que nos quere, que sempre acolle e que non exclúe segundo intereses.

A Igrexa debe erguer a voz

Neste sentido, a Igrexa —e non esquezamos que cando dicimos Igrexa estámonos a referir a todas as persoas crentes que se saben e senten membros das comunidades cristiás e non so á xerarquía de papa, bispos e curas— ten que erguer a voz e defender o obvio, o que dela se espera, o que está no cerne do evanxeo de Xesús: que a opción polas persoas débiles e esquecidas supón e esixe acoller a quen chega de fóra, prestando atención e desenvolvendo actitudes que supoñan preocuparse polo que as persoas precisan, sen mirar nin o seu documento de identidade nin o país de onde veñen.

Para unha persoa crente dicir nosas e nosos non é un termo excluínte senón inclusivo; unha inclusión que se manifesta na dispoñibilidade de ver en cada persoa que chega o rostro de Xesús, respondendo deste xeito ao que El mesmo dixo e fixo: «Fun forasteiro e acolléstesme» (Mt 25, 35).

Non cabe logo nin outra lóxica nin tampouco discusión para entender que dicir Igrexa, hoxe e sempre, é dicir comunidade de acollida e recoñecemento.

Tracking Pixel Contents