Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

Cores contra o feísmo

A artista baionesa Lula Goce, en plena faena na Doca.

A artista baionesa Lula Goce, en plena faena na Doca. / Marta G. Brea

Que fermosa está quedando A Doca, en Baiona. Pecho os ollos e a imaxe do espigón que gardo nos recordos de cativo é branca, encalada, antes de que a pintasen de azul non hai tanto. Agora Lula Goce, que leva o nome de Baiona polo mundo adiante coa súa arte e co seu sorriso, está a converter a cara interior da Doca no maior mural urbano do país, nun espectáculo visual que homenaxea a memoria mariñeira da vila, coas redeiras —como foi a miña avoa— como eixo central. Outro motivo máis para visitar este recuncho das Rías Baixas con tanta historia que chamo fogar.

O certo é que este fenómeno de converter espazos esquecidos, muros ou medianeiras en lenzos urbanos nos que expoñer a xenialidade dos nosos muralistas é un sopro de aire fresco. O feísmo transfórmase en arte, que boa falta nos fai. E niso hai que recoñecer que Vigo leva a dianteira co programa «Cidade de Cor», que arrancou xa en 2015. Un acerto do Concello —nunca lin unha crítica negativa por parte dos grupos da oposición, cousa rara nesta urbe— que, como o Nadal, se exportou máis tarde a outros municipios. De feito, agora, once anos despois, é doado atopar murais en calquera vila. E o que está a facer Lula na Doca é o mellor exemplo.

Se a hemeroteca non me engana, en Vigo lévanse recuperados preto de 200 espazos degradados ou sen uso. Os primeiros anos cunha maior presenza de artistas da casa, e xa nas últimas edicións coa participación de muralistas de fóra como Slim Safont, Dimitri Trimintzios, DAFNE Tree, Ana Langeheldt ou Carola Bagnato, o que dá unha idea da importancia que ten «Vigo Cidade de Cor» a nivel internacional. Aínda que eu non me esquezo do produto galego: Vanesa Álvarez, Ramón Amorós, María Ortega, Liqen, Tirso Paz, Marcos Míguez Puhinger, Pow, Mon Devane… ou mesmo Lula, con aquela medianeira na Curva de San Gregorio que logo quedou tapada pola construción dun edificio, ou o mural das Travesas. Ata Nelson Villalobos participou coa súa homenaxe aos represaliados no Calvario.

Chegado a este punto, non podo non citar ao rei de Chaintown, o meu compi Gory, que converteu os piares da autoestrada a Baiona ao seu paso por Chaín nun museo ao aire libre gratuíto para quen o queira gozar, e que tamén ten obra en Vigo. Vese que temos canteira no Miñor…

Agora ben, pouco ou nada teñen que ver estes murais cos graffitis que de cando en vez aparecen por aí para estragar paredes e, nalgunha ocasión, mesmo obras como as de «Cidade de Cor». Non é o mesmo intervir un espazo con cabeza, talento e respecto ca ir deixar a sinatura onde a ninguén lle peta. Unha cousa é arte urbana. Outra, ben distinta, é simple vandalismo con spray.

Por iso paga a pena coidar o bo e dicir alto que o é. Porque cando unha parede fea se converte nunha obra que dignifica un barrio, unha vila ou un espigón enteiro, gañamos todos. Gaña o artista, gaña o espazo e gañamos os que pasamos por diante e, por unha vez, en vez de torcer o fociño, levantamos a cabeza. E nestes tempos, nos que hai tanta cousa desagradable á vista, non é pouca cousa. Se o feísmo era unha condena, que veña a pintura e nos salve.

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents