Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | VOYAGER

No Día das Letras Galegas

Begoña Caamaño.

Begoña Caamaño. / Xoan Álvarez

Estes días, unha persoa de fóra de Galicia preguntoume pola figura de Begoña Caamaño; seica escoitara falar moito dela nas últimas semanas e isto espertou a súa curiosidade. Interpretei este feito coma un síntoma de que o traballo de divulgación da figura e da obra de Begoña estábase facendo con esmero. Hai anos que sucede que o autor ou autora homenaxeada non consegue calar na sociedade tanto como nos gustaría: porque a súa figura ten máis difícil encaixe no mundo actual ou porque a súa obra non posúe o carácter suficiente para empapar ao gran público. Certo é que a expresión gran público debe ser interpretada con prudencia, tendo en conta que, conforme ao Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros 2024 só un 3,8 % da poboación escolle o galego coma lingua preferida. A adquisición de libros en galego é dun 6,1%, sendo o ocio o principal motivo para mercar libros en Galicia.

Falemos do gran público, ese 3,8% da poboación que escolle o galego como lingua preferida para ler. Estou convencida de que o público é especialmente permeable cando focalizamos na figura homenaxeada no Día das Letras Galegas e esa figura ten un potencial coma o de Begoña Caamaño (ou Xela Arias, Luisa Villalta ou María Victoria Moreno). Que os nomes de todas estas autoras non leven a engano: neste 17 de maio, Galicia, a través da Real Academia Galega, rende homenaxe tan só á oitava muller desde a creación da efeméride no ano 1963. Aceptando coma un feito que nos últimos anos hai unha determinación da RAG de saldar esta débeda histórica que é de xustiza, desde este lado permanecemos atentas á consolidación deses avances. Oito mulleres desde o ano 1963 é unha cifra que segue caendo coma unha lousa.

Esa mesma persoa que me preguntou pola figura de Begoña Caamaño, interesouse tamén polos requisitos que había que cumprir para ser homenaxeada no Día das Letras Galegas. «Levar 10 anos morta», contesteille, divertida. Sei que este dato sempre esperta a sorpresa de quen escoita. A primeira reacción adoita ser de incredulidade. Expliqueillo referíndome á importancia de que unha obra literaria consiga sosterse co paso do tempo e remexernos, interpelarnos, espertar a emoción da lectura malia o paso dos anos. Mais hai outra cuestión de carácter extraliterario que non é menor: se xa «pelexamos» entre as autoras e autores e nos enfadamos e alegramos en función de quen sexa a persoa homenaxeada cada ano, imaxinen que este recoñecemento fose para unha persoa viva. Non quero nin pensar en como serían as campañas de autopromoción, as guerras e, quen sabe, quizais mesmo os intentos de suborno. Imaxino que cando os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas, tiveron este feito en conta. Porque esteamos nos anos sesenta ou no 2026, sempre hai quen existirá quen considere que merece unha porción máis grande ca as demais dentro desa porcentaxe de persoas que len en galego. E, de non conseguir o que cremos que nos pertence por dereito (pola nosa gran calidade literaria, polo noso talento, por todo o que levamos traballado ou por todos eses atributos cos que nos vernizamos) sempre podemos tirar de inventiva para aducir motivos que xustifiquen un éxito que consideramos escaso; ben para sufrir menos ou ben para evitar enfrontarnos á autocrítica. Porque para isto último hai que estar disposta a verse de verdade ao espello e semellante empresa implica posuír un atributo que cada vez valoro máis, porque a súa escaseza ten trazas de unicornio: a humildade.

Nunha sociedade onde perdemos de maneira estrepitosa a capacidade de escoitar, onde o individual prima sobre o colectivo, onde os egos engordan coma globos, atopar alguén que recoñece as eivas propias sen responsabilizar a outras —ou ao sistema— do noso propio fracaso é unha heroicidade. Isto é algo que ocorre en absolutamente todos os sistemas literarios, nin sequera nisto somos especiais. A diferenza é que a nosa torta é dun 3,8%, e aquí, o tamaño, si importa. Eu, sinceramente, prefiro entreterme vendo vídeos de gatiños.

Remato apelando á figura de Begoña Caamaño, á súa ollada feminista, á súa capacidade para reescribir os mitos clásicos desde o presente, a súa entrega á lingua galega, a súa sororidade. Por fortuna, saíron publicados unha chea de libros arredor da súa figura e podemos enchouparnos do seu universo. E, quizais, aprender algo dela. Porque a esperanza é un hálito de futuro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents