Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Viaxando con Isabel

Nacida en 1978, á par que a vixente Constitución española, coido ben que han de concordar os/as -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais en que, así propios como alleos, tutti quanti virían converxer de entrada en considerar a imaxe de Isabel Díaz Ayuso en sorte dunha Lara Croft, intrépida arqueóloga a pescudar enre ruínas perigosas e tumbas antigas do mundo mundial ao tempo que se transforma en protectora do lexendario reino de Paititi, cara ao sur da Amazonía. Ou, xa postos na tarefa afouta -mapa nas mans, mochila ás costas; o curmán Diego e mais o mono Botas sempre á canda- Dna. Isabel talmente como Dora a exploradora, axudando os seus amigos para daren co camiño que conduce cara a moi máxicos espazos. Lara, Dora e Isabel: tres heroínas da nosa xeira. Pero non.

Mergullada na cerna do revival cutre, acontece que a Sra. Ayuso semella, moito mellor e no entanto, identificarse con aqueloutras figuras de Mary Carpenter, Miss Gilchrist ou Anna Leonowens –na India do XIX, na África dese mesmo período ou no Siam de O rei e eu, respectivamente-, tres estiradísimas institutrices a tentaren educar a cativada nas «normas da moral e do debido respecto»: é dicir, do debido respecto, faltaría maís, aos sahibs e bwanas. Mesmo, e xa en pulsión misioneira, Isabelita nena/adolescente como postulante do Domund -o peto co «chinito»/«negrito» entre a mans- a pasear airosa polas rúas do seu Chamberí nativo durante os «felices» anos 60 do pasado século. Isto e: un tempo de liberdade e máis liberdade e sen socialistas narcotraficantes a conspiraren no horizonte.

Nin que dicir ten, coido ben outra volta que todos Vdes. están ao cabo das moi abracadabrantes noticias que nos chegaron desde a outra beira do océano: velaí, daquela, que mentres Isabel dos Madriles tentaba explicarlles (nunha man o catecismo e noutra a espada) aos ignaros e ignavos habitantes das terras quentes de México -Méjico para ela. E é que podendo utilizar a «j» de «joder» (que máis lle teñen as recomendacións da RAE!) por que reparar nun mísero «x»?-; mentres adoutrinaba como lle cómpre os «peladitos» e «peladitas» no tocante ao rebumbio de tlaxcaltecas, totonacas, Moztezuma, a batalla de Otumba..., as grandes bondades de D. Hernán Cortés, eis que unha insólita coalición de juaristas, villistas e zapatistas de toda condición veu amotinarse contra dela -«ai, gachupina!»-, determinando ao cabo a fin da simpática excursión. Desagracedidos que son, os tales!: porque é ben coñecido que, de non ser polos colonizadores a ensinarlles o español, agora mesmo todos, pero que toditos os mexicanos permanecerían irremediablemente mudos.

Polo demais, correu así mesmo por Jalisco, Michoacán e parte de Sonora adiante o falso rumor, a fake new de que, en realidade, e cal se se tratase dunha María-Carlota de Saxonia-Coburgo rediviva, o verdadeiro plan da Sra. Díaz Ayuso consistiría en tentar axeitar un Terceiro Imperio Mexicano, sentando no trono do castelo de Chapultepec -e cal moderno Maximiliano I- a súa benamada parella, D. Alberto González Amador. Reitero: unha falsidade toda vez que Dna. Isabel -experta que é en historia universal e parte de Belice- non ignora en ningún caso cal veu ser o final daquel precedente: isto é, co monarca gringo posto de fronte ao pelotón no Cerro de las Campanas.

Porén, e como puideron averiguar axiña os lizgairos axentes ao servizo deste venerable rotativo, o que si que non puideron aturar nin un minuto máis os mexicanos -xa se tratase de chovinistas ou mesmo de malinchistas- tal foron as corcheas, redondas... da música perpetrada por D. Ignacio de la Macarena Cano Andrés. E é que afeitos ás bondades de Agustín Lara, de José Alfredo ou Armando Manzanero... como poderen aturar a cousa esa de «Malinche»? Ai que ver Nacho Mecano! Co simpático que parecía con aquilo de «¡Maquíllate, maquíllate!». Raparigos e raparigas: tende cuidado cos paus da luz pero, sobre todo, cos alimentos que tomades!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents