Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

O Día das Letras Galegas (non) en Vigo

Begoña Caamaño, no 2013.

Begoña Caamaño, no 2013. / Xoan Álvarez

Que ilusionada está a miña filla —6 anos— co Día das Letras Galegas. Sobre todo coa obra de teatro que están a preparar na escola que, se lle entendín ben, é unha adaptación da obra de Ramón Romero Nogueira «A abelliña que perdeu as ás» —moi fermosa, por certo—, e ata aquí podo contar para non facer spoiler, que logo rífanme. Anda ela contenta e contentos andamos os pais da criatura pola paixón da nena por unha lingua que na casa non escoita tanto como debería —como xa escribín hai un tempo: estamos traballando para remedialo—, pero si nas dos avós. De feito, o seu avó paterno aínda me dixo o martes que «o galego é o máis fermoso» que ten Galicia… despois dos seus netos, claro.

Pois anda a cativa practicando as súas frases —sábeas de memoria—, a entoación, os xestos, para cravar o seu papel de narradora. O que non sei é se sabe quen é a homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño, viguesa (1964-2014), xornalista e escritora tardía —publicou a súa primeira novela con 45 anos— que morreu por mor dun cancro cando apenas acababa de cumprir os 50. Unha mágoa. Deulle tempo, con todo, a regalarnos «Circe ou o pracer do azul» (2009) e «Morgana en Esmelle» (2012), dúas obras nas que sobresaen a súa capacidade para reflexionar sobre grandes temas universais —o amor, a liberdade, a morte…—, así como o seu pulso literario e lingüístico.

O que non sabe a cativa —nin ten por que sabelo— é que a Real Academia Galega decidiu que este ano celebrará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas (o acto principal) en Santiago en vez de en Vigo, que é onde naceu Begoña Caamaño, como manda a tradición. De feito, nos últimos dez anos o plenario non coincidiu co lugar de nacemento ou crianza do homenaxeado ou homenaxeada só no 2020, ano excepcional pola pandemia do covid, e no 2025, porque se lles dedicou ás cantareiras e á poesía popular (fíxose en Malpica de Bergantiños). O porqué desta decisión non o sei. Pero empeza a ser unha tendencia desafortunada.

Pódese entender que cando en 2023 se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego, fillo adoptivo de Vigo e quen tanto fixo por esta cidade e a cultura galega en xeral, o acto central do Día das Letras fose en Vilanova de Lourenzá, en Lugo, onde don Paco deu os seus primeiros pasos. Pero o que non ten moita explicación é o de Begoña Caamaño. Por que en Santiago e non en Vigo? O que si teremos en Vigo é, este sábado 16, o XVI Concerto das Letras Galegas no auditorio de Beiramar, dirixido por Uxía Senlle. E xa no outono, a cidade acollerá o simposio da RAG dedicado á autora. 

Todo iso está moi ben. De feito, está ben e é de agradecer. Pero o Día das Letras Galegas é o 17 de maio, non no outono nin a modo de compensación diferida. E sendo a homenaxeada viguesa, xornalista desta cidade e unha das voces máis lúcidas da literatura galega recente, o lóxico, o xusto e o simbólico era que Vigo fose este ano o centro da homenaxe. Non por localismo barato, nin por poñernos estupendos, senón por simple coherencia. 

Case mellor sigo ensaiando coa nena…

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents