Opinión | Campo de Granada

Editor e profesor
SonDeSeu 25 aniversario
Unha das marabillas viguesas do noso tempo é a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD), iniciativa innovadora proxectada para a protección e difusión da música patrimonial galega, na procura da súa evolución e mestura coas formas contemporáneas do folk urbano. Escola cen por cen municipal, na ETRAD impártense até dez especialidades instrumentais de noso: Música e movemento; Arpa Céltica; Acordeón Diatónico; Canto Popular; Corda Pulsada; Gaita; Percusión Tradicional; Requinta; Violín Folk e Zanfona. Instalada no edificio da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), deseñado por Pacewicz, institución centenaria creada polo filántropo García Barbón, onde se imparten dúas materias de lutiaría, a de Construción de instrumentos musicais de gaita e de zanfona, conformando un espazo extraordinario para preservar e anovar a cultura musical de noso.
En 2009, o concello de Vigo, desde o seu Servizo de Educación, creou a ETRAD coa intención de ensinar, protexer e difundir a música patrimonial galega, dende unha ollada innovadora con selo propio. Consolidou o proxecto educativo do que foi dende 1996 Conservatorio de Música Tradicional de Vigo e dende 2007 foi Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios que da man do arpista e compositor Rodrigo Romaní, no eido musical, e de Antón Corral, no da lutiaría tradicional, que denominaba Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo, funcionou na Escola de Artes e Oficios, refundada a comezos da década de 1980 como Universidade Popular de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto Ferreiro, que recuperaría a denominación inicial anos despois. Obradoiros polos que pasaron nas últimas catro décadas moitos dos músicos que anovaron a música tradicional galega, como Carlos Núñez, Anxo Pintos e outros compoñentes de Berrogüetto, Treixadura, Lizgairo, entre outros.
Foi no Conservatorio de Música Tradicional cando en 2001 Rodrigo Romaní, director e profesor de arpa, propuxo aos seus compañeiros de claustro, Anxo Pintos, profesor de Zanfona e Xaquín Xesteira, profesor de gaita, un experimento: o de crear unha orquestra formativa sinfónica con media ducia de intérpretes de cada instrumento tradicional, que achegase experiencia escénica ao alumnado e explorase as posibilidades creativas do formato orquestral, sen precedentes no caso galego, e reducidas no entorno europeo a Sibelius Academy de Helsinki, a Asociación Tradalp de Turín e a Royal Scotish Academy of Music and Drama.
E o experimento na súa estrea en 2001 no Teatro García Barbón, baixo o nome SonDeSeu. Orquestra folk de Galicia saíu mellor ca ben. E o primeiro disco, Mar de Vigo (colección Do Fol, Boa Music, 2004), aínda mellor, cando a formación contaba con trinta e cinco alumnos e seis profesores, Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco (violín), Xosé Liz (requinta), Franciso Javier Feijoo (canto e pandeiretas), que tamén se ocuparon dos arranxos e da recreación de cada un dos temas populares, nos que incorporaron o son acústico, por vez primeira no folk galego. Velaí o que deu nome ao disco, creado a partir da melodía da danza de San Adrián de Cobres e da xota de Sequeiros, e «Carmiña no Berbés», onde se mesturan como o dedo ao anel a copla tradicional co Pasodobre do Berbés dos Morenos de Lavadores, dúas pezas que constituíron un magnífico comezo e remate para un disco memorable.
Dende entón, a orquestra ampliou a súa formación a máis de sesenta membros, constituíndose en fundación en 2006 promovendo dende ela o Libro Branco da Educación en Música Tradicional en Galicia. Gravou outros catro discos extraordinarios: Trastempo (2007), Barlovento (2010), Danzas Brancas (2013) e Beiralúa (2018). Viaxou por palcos de toda Europa con éxito rotundo, promoveu a creación da Rede Europea de Orquestras Folk e obtivo o Premio da Crítica de Galicia en 2011, entre outros recoñecementos.
Tras o éxito do concerto Arpas Atlánticas do pasado ano no Teatro Afundación, SonDeSeu ofreceu o sábado nun auditorio Mar de Vigo a rebentar un serán memorable para celebrar o seu 25º aniversario. Contando coa participación de Xabier Díaz, Abraham Cupeiro, Tanxugueiras e Rodrigo Romaní, a orquestra dirixida con enerxía e tenrura por Xaquín Xesteira percorreu durante dúas horas a memoria e a diversidade da música galega, ao tempo que se reivindicou como peza indispensable do patrimonio musical galego.
O de SonDeSeu é un proxecto que ademais de contar co apoio do Concello de Vigo merece o do resto das administracións, que non poden revirarse diante de semellante proeza artística e cultural. Como despois dos minutos e minutos apoteóticos de ledicia no palco e no público, este verán a orquestra viguesa non pode faltar no programa de concertos de Castrelos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una boda celtista hasta las lágrimas: la sorpresa de Iago Aspas y Claudio Giráldez que emocionó a Valeria y Alberto
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- El perro más bello del mundo es de Vigo y se llama Hugo Boss: «Lo mejor que tiene es la expresión de la cara, es precioso»
- El comercio local de Vigo, en contra de la apertura de supermercados domingos y festivos: «Es competencia desleal»
- Muere un motorista en un accidente en Barro
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- Aduanas incorporará a su base de Vigo una patrullera de casi 40 metros incautada el pasado verano en el Estrecho
- Huida temeraria en Moaña: un conductor circula por dirección prohibida a más de 110 km/h para evitar un control e intenta sacar de la carretera a la Policía Local