Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

Se Eduardo Barreiros levantase a cachola

O galego Eduardo Barreiros, pioneiro da automoción en España.

O galego Eduardo Barreiros, pioneiro da automoción en España.

Facía ben tempo que Stellantis, antes Grupo PSA ou PSA Peugeot Citroën, quería desfacerse da súa planta de Villaverde, en Madrid. Lembro que xa estivo a piques de pechala no 2010, pero esquivou a guillotina e o centro sacrificado foi daquela o de Aulnay-sous-Bois, en Francia, que rematou a súa actividade industrial no 2013. Xusto antes da chegada de Tavares. Agora non vai pechala, non, pero acaba de chegar a un acordo cos seus socios chineses de Leapmotor para venderlla, e serán eles os que continúen coa montaxe de automóbiles na única factoría que lles queda aos madrileños. Un marrón menos.

Villaverde, aínda que nos queda lonxe, pódese considerar unha planta con raíces galegas. Non só porque formou parte durante moitos anos do clúster ibérico que encabezaba Balaídos ata que os novos xefes do grupo decidiron que as decisións era mellor tomalas en Zaragoza, e non en Vigo, a pesar de que segue sendo a primeira planta por volume de produción, calidade, eficiencia, rendibilidade… E ben que nos pesa. Galega, sobre todo, porque quen a fundou foi un ourensán que aproveitou o seu enxeño durante o franquismo para facerse de ouro e darlle un pulo á industria automobilística nacional: don Eduardo Barreiros. Seguro que lles soa. E se non, xa llo refresco eu.

Nunha época de penurias e escaseza, Barreiros levantou en Madrid un imperio a partires dunha idea tan sinxela como efectiva: transformar os motores de gasolina en diésel. Foi o embrión industrial da actual factoría de Villaverde. A comezos dos anos sesenta, este home aliouse cos americanos de Chrysler para converter a súa fábrica de motores nunha planta de coches, na que se produciron modelos tan recoñecidos como os famosos Simca 1000. Xa saben, o da canción dos Inhumanos. O complexo madrileño, moitísimo máis grande ca Balaídos —ao final vai ser certo iso de que o tamaño non é o importante—, pasou á órbita dos Peugeot xa entrados os anos oitenta, cando o grupo se fixo coa división europea de Chrysler.

O intento de peche do 2010 que comentei antes non foi o primeiro. A viabilidade da planta sempre estivo en dúbida, e pasou por non poucas reconversións e axustes, aínda que sempre saíu airosa. Na súa liña montouse, por exemplo, toda a gama do Peugeot 207, do Citroën C4 Cactus, do C4 actual… Pero desde hai uns anos para aquí, a xente de Stellantis non escondía que Villaverde non tiña un futuro industrial claro. E o murmurio de que o grupo que agora pilota Antonio Filosa —quen, por certo, chegou co discurso de que non ía seguir a senda dos recortes de Tavares e agora é precisamente o que predica— podía vender o centro a capital chinés leva xa varios meses pululando por aí. Ata que se confirmou onte.

Teño algún coñecido traballando en Madrid que non ve con malos ollos o acordo con Leapmotor, porque, como dixen antes, Stellantis non tiña plans para a factoría, así que haberá que agardar para ver como sae o experimento. Polo de pronto, outras experiencias de Stellantis compartindo a propiedade dunha planta con outras marcas —teño fresco o exemplo de Kolin, na República Checa, que no 2021 pasou a mans de Toyota polos desacordos entre as dúas empresas— non foron precisamente para tirar foguetes, pero igual cos chineses a cousa cambia.

Ora ben, iso de que «veñen os chineses» xa non é tal: os chineses xa están aquí. O que me pregunto é que pensaría o noso Howard Hughes, Eduardo Barreiros, se levantase a cachola e os vise aos mandos da súa planta. O que un día foi o soño dun industrial galego feito a base de audacia e pistóns é hoxe unha peza máis no taboleiro global, onde manda o capital, a escala e, cada vez máis, China. Tempos novos, donos novos. 

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents