Opinión | De bolina

Asesor literario de Faro da Cultura
As pantasmas atacan os Bárcenas
Teño un bo amigo de meu arxentino: arxentino de Palermo Soho, en Buenos Aires. Darío -o nome é ficticio, iso si-, e para alén do fútbol (el vai por River; ¡vamos la Banda!), ten dúas grandes afeccións a se combinaren no seu maxín: criticar con espléndida retranca as reviravoltas da política e, doutro lado, especular arredor de telequinesias e precognicións varias. «Vaia; o normal, vindo de onde ves», adoito retrucarlle cun evidente exceso de condescendencia, en xeito neocolonialista. Claro é que, no entanto e todo hai que significalo, a momia de Evita; os meigallos de López Rega e mais o tarot de María Estela; as/os videntes de Menem; o can (morto) guía espiritual de Milei... En fin, que lle queren Vdes.? Ás veces non é tan doado transitar apenas polo politicamente correcto.
«Che, ¿ya viste lo que pasó? ¡El pibe salió en la tele diciendo que en la casa pasan cosas raras!». «Pero... de quen e de que me estás a falar?», atalleino de contado. «¿Sos boludo, vos, o vivís adentro dun termo? ¿No te enteraste todavía? ¡El pibe de Bárcenas!, ¡En Cuarto Milenio! ¡La casa está cargada, dijo! ¡Está zarpado!».
Imaxino que serán dabondo aqueles/aquelas de entre Vdes. que teñan cumprida información verbo da singular noticia. Pois velaí que nos pasados días (e si, en Cuarto Milenio aínda que ben puidese ser en Horizonte, tanto montan/montan tanto os dous pendellos, e mais os aliens varios que os poboan, de Íker Jiménez)- Guillermo «Willy» Bárcenas -fillo do extesoureiro do Partido Popular- explicou para «toda, todita España» como é que na casa dos seus proxenitores vén acontecendo todo un conxunto de fenómenos paranormais: un reiterado e poderoso poltergeist que chegou mesmo a determinar que, en certa ocasión, o seu señor papá decidise ir pasar a noite nun hotel ad hoc. «Fue, nada más abrir la puerta: que se te pongan los pelos de punta, notar como una corriente y una sensación de mal rollo y coger e irse a dormir al hotel», precisou o líder dos inefables Taburete.
Dado desde pequeno, e sempre segundo el mesmo, ao cinema de terror, Bárcenas Jr. certificou aínda como a súa nai «notó cosas, cambios de temperatura en zonas de la casa, sensaciones que le ponían los pelos de punta y la piel de gallina». En fin, a familia chegou a contactar cunha medium para levar a termo unha limpeza espiritual do recinto, se ben que sen obteren de ningún xeito os resultados agardados. Libros que caen, luces que pestanexan, que se prenden e que se apagan... Vaia, o que se di/escribe, todo un mix, un pack esotérico de venda nos mellores supermercados e tendas especializadas.
Como, de novo e de certo, han de coñecer os/as, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, eis que se está a celebrar agora mesmo -e ante a Sección Cuarta do Penal da Audiencia Nacional- o xuízo oral do denominado caso Kitchen: isto é, a (presunta) operación artellada desde o Ministerio do Interior no ano 2013, coa finalidade de sustraer información sensible da casa de Luis Bárcenas e que puidese perxudicar a altos cargos do Partido Popular.
Pois ben; co debido respecto ao tribunal, atrévome a informar/lembrarlles ás Súas Señorías que tanto o líder do PP naquela xeira, D. Mariano Rajoy -como o de agora mesmo, o Sr. Núñez Feijóo- e aínda esoutro, tan misterioso, personaxe que atende por «M. Rajoy», todos eles resultan ser galegos de nación -ou «galaicos», como lles presta matizar polos Madriles adiante-. De aí, xa que logo, que caiba coidarmos moi moito que episodios tales como o asalto á casa do ex tesoureiro dos populares por parte dun falso crego, en outubro do 2013, nunca deveu tal e si, ben polo contrario -e á vista, daquela, das declaracións de Bárcenas Jr.- apenas un intento de exorcizar como lle cómpre demos, influencias diabólicas e espíritos malignos que, sen dúbida, estaban a habitar o lugar. »
«Mouchos, sapos e curuxas/Demos e trasnos (...) Corvos e píntigas...» Sen dúbida, cunha boa queimada polo medio, as investigacións chegarán onde deben. Espionaxe e corrupción? Meigas fóra!
Suscríbete para seguir leyendo
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital
- El Celta arrancará la próxima temporada con más espectadores en las gradas de Balaídos: el Concello de Vigo anuncia una importante novedad en el estadio
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Profand deja ver por fin el viejo Banco de Galicia: la joya de Pacewicz reaparece en pleno centro de Vigo