Opinión | Al lío

Subdirector de Faro de Vigo
A mecha do metal

Marcha dos traballadores do metal no ano 2009. / Jesús de Arcos
O metal, na rúa, nun mes de maio. Que recordos! A maioría, malos. Pero tamén algúns bos. Moitas amizades conservo daqueles meses de maio de 2007 e 2009, cando este sector, cun empuxe poucas veces visto antes, tomou as rúas da cidade. Fago memoria e véñenme á cabeza imaxes case de conflito bélico. Cargas policiais por unha banda e milleiros de traballadores prendéndolle lume a ducias de colectores do lixo, lanzando parafusos de tamaño industrial —gardo algúns como recordo no caixón do meu escritorio—, petardos, pedras e mesmo foguetes das festas. Nunca mellor dito: unha proba de lume para calquera xornalista.
Desde a reconversión industrial dos oitenta, Vigo non sufrira folgas tan duras coma as deses dous anos no sector do metal. Folgas nas que a cidade foi, literalmente, secuestrada durante moitas mañás, mentres polas tardes e non poucas noites sindicatos e patronais trataban de achegar posturas para asinar un convenio que, mira ti por onde, é hoxe un referente a nivel estatal. Folgas nas que se chegou a cortar o tráfico ferroviario e os accesos á cidade; nas que houbo traballadores que se deixaron a saúde —lembro un que perdeu un ollo—; nas que a imaxe dun sector que é a xoia da coroa quedou manchada durante anos, xusto antes de que a crise financeira internacional botase por terra a economía de medio planeta.
Conservo, si, amizades que fixen na rúa entre os sindicatos —nalgúns máis ca noutros—, pero tamén entre as patronais do metal, cada unha coas súas propias problemáticas. E hai que recoñecelo: ámbalas dúas partes teñen as súas razóns e os seus argumentos para estirar a negociación ata as últimas consecuencias, ata ese punto no que o conflito se volve case imposible de deter. Teñen lexitimidade. As patronais para defender a viabilidade das empresas e os sindicatos para pelexar polas condicións laborais dos traballadores. E a folga, por suposto, é un dereito fundamental. Só faltaría.
Pero tamén as dúas partes saben —ou deberían saber— que ese ten que ser o último recurso. Que unha vez que se prende a mecha, logo ese lume é dificilísimo de apagar. E que as consecuencias, ao final, páganas todos: os traballadores, as empresas e a cidade enteira. Por iso o meu consello é ben simple: negociar, negociar e negociar. Ata a extenuación. E se hai que pecharse vinte horas seguidas nunha mesa, pois péchase un. Para iso están. Non sería a primeira vez.
Porque unha cousa é exercer o dereito á folga, que é lexítimo e necesario en moitas ocasións, e outra moi distinta é facelo a costa dos dereitos e das liberdades do resto. Vigo xa sabe ben o que pasa cando unha protesta laboral se converte nunha especie de estado de excepción oficioso, no que quen quere ir traballar non pode, quen precisa entrar ou saír da cidade tampouco e quen non ten nada que ver co conflito acaba pagando os pratos rotos. A folga é un dereito. O caos non.
Sei que non é doado, e que ás veces se entrecruzan cuestións políticas de por medio. Creo que foi no 2009 cando un sindicalista que hoxe considero un bo amigo me soltou aquilo de «sabemos onde vives» simplemente porque publiquei que dúas das tres centrais sindicais que estaban a negociar o convenio querían asinar, como así acabou ocorrendo. E logo está outro clásico ao que xa estamos afeitos os xornalistas que cubrimos as manifestacións do metal: o gracioso de quenda que che bota un petardo do tamaño dun bote de Lacasitos nos pés para que teñas coidado co que escribes. «Oes ti, non serás da secreta?», preguntáronme unha vez. Xa se sabe que iluminados hai en todas partes.
Por iso mesmo convén non edulcorar demasiado aquel escenario. Nin por parte de quen se pon nostálxico coa épica da barricada, nin por parte de quen reduce todo a vandalismo e orde pública. Aquilo foi moito máis complexo. Houbo dignidade e houbo excesos. Houbo reivindicación xusta e houbo momentos nos que se cruzaron liñas que non se deberían cruzar. E, sobre todo, houbo unha cidade enteira pendente de que uns e outros fixesen o que tiñan que facer: sentarse e pactar.
Porque prender a mecha é doado. O difícil, como sempre, é apagar o incendio.
- Sin tren entre Vigo y Santiago a causa de un hombre subido a la catenaria, en Vilagarcía
- Argentina autoriza la entrada masiva de pesqueros extranjeros por el temporal: flota gallega, a la capa para protegerse
- La factura del jabalí: resembrar una hectárea de maíz cuesta más de 900 euros
- El Celta, un paso más cerca de Europa
- Adrián Senar, CEO de Kreios Space: «En dos años necesitaremos 2.000 o 3.000 metros cuadrados más para empezar a producir»
- Cae parte del techo del parking del Eroski de la avenida Portanet, en Vigo
- Una autovía en pleno Vigo: 'pillado' a 124 km/h en una carretera limitada a 50 km/h
- El Concello de Vigo encarga la primera fase de la ampliación de Tribuna y pide colaboración económica: «No hay excusas»