Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Pazza Italia, amala!

Non; non me esquece o cóbado de Tassotti a impactar sobre o nariz de Luis Enrique. Agora ben -nobreza obriga-, coido que tampouco podemos deixar pasar por alto esoutras, recentes, palabras de parte do ministro de Deportes italiano, Andrea Abodi, verbo da proposta de Donald Trump arredor dunha posible presenza –«de matute»- da selección transalpina de fútbol no próximo Mundial: «Non è possibile e non è opportuno, ci si qualifica sul campo.» Bravo!, benia a el!

«Que sabe Vde. de Buenos Aires?», preguntáronlle a Pepe Carvalho. «Maradona, desaparecidos, tango», respondeu o detective. «E que sabe de Italia», foron inquirilo, á súa vez, en Roma. «Mafia, gobernos imposibles, calcio», retrousou agora (un apócrifo) Carvalho. Desde logo, Costa Pereira, Coluna, José Augusto... e, nin que dicir ten, o grande Eusébio. O Benfica, pois -e, claro é, o Deportivo da miña infancia/adolescencia en terras coruñesas, o Atlético de Madrid e, desde hai tempo dabondo, o noso Celta-, mais tamén aínda o Inter dos Facchetti, Picchi, Mazzola e, sobre todo, do inigualable Luis Suárez -foi o meu pai quen me levou unha vez canda del, en Riazor- conformaron/conforman os meus degoxos futbolísticos. Xa moi «libre de quintas» -disimulen Vdes. o xiro demodé-, si que participei asemade da alegría incontrolable de Sandro Pertini –«un partiginiano come presidente», afinaba Toto Cotugno-, a brincar no palco do Bernabeu mentres un zurdazo de Tardelli poñía o marcador en 2-0 a favor da «azzurra» na formidable final do mundial do 82. Que lle queren? «Artefactos, bestias, hombres y mujeres»: como canta Serrat, cada quen é cada cal e baixa as escaleiras como pode.

Andabamos pola segunda metade dos 90. Ancorados en Carpinteria, costa californiana á beira de Santa Barbara –o barco chamábase «Bora» en honra ao vento que sopra frío e seco sobre o golfo de Trieste, a súa terra nativa-, Giorgio Perissinotto, a quen as bóvedas celestes resulten sempre propicias, foime preguntar nun momento cal, de entre todos os lugares que eu coñecia e para alén do propio país, resultaba ser o meu favorito. Respondille que tampouco contaban moitos, aqueles que eu tivera ocasión de visitar. No entanto, a resposta deveume doada: «Onde máis a vontade me atopo, iso é en Italia». Lembro o sorriso de satisfacción no seu rostro amable, a emanar bonhomía. «Verás: -retrucoume- en realidade, só hai dúas clases de persoas no mundo: os italianos e aqueles que quixeran ser italianos.»

Van agora vinte anos de semellante, enorme barafunda: a Juventus resultou condenada a perder dous scudettos e baixar a Segunda B. Milan, Lazio e Fiorentina foron sancionados, cada un, coa perda de 30 puntos. En realidade, antes de tal xa tiveran lugar outros rebumbios célebres, velaí o Totonero de comezo dos 80; porén, coa Calciopoli tal parecía que era imposible irmos máis lonxe na eclosion do caos.

Pero non: segundo informan oportunamente os diferentes medios, uns cincuenta xogadores da Serie A estarían implicados agora mesmo en desmedidas festas onde o gas do riso e mais a presenza de «escorts» conflúen para axeitaren un novo escándole a incendiar os ánimos -xa de seu ben alterados- dos tifosi logo de que a Squadra Azzurra quedase fóra, por terceira vez consecutiva, do Mundial de fútbol a celebrar neste próximo verán. O que se di, toda unha desfeita para chorar.

E vén ser, daquela e no medio e medio da catástrofe, cando xorde a moi inaudita oferta trumpista: no lugar do Irán insubmiso, a derrotada Italia podería acudir, invitada no seu lugar, a participar na competición.

«È una proposta imbarazzante» -tal foi o comentario, da súa parte, do ministro de Economía, Giancarlo Giorgetti-. «Mi scusi, ma abbiamo già i nostri furbetti.» («Perdoe, pero xa temos os nosos propios trampulleiros». «De acordo, pero... e Italia?» Italia? Pazza Italia, amala!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents