Opinión

Redactora Jefa Edición Digital
Xubílase Xosé López, catedrático de Xornalismo na USC: o mundo dos balbinos

Xosé López durante unha clase na Facultade de Ciencias da Comunicación / FdV
Son unha decimosexta. Ese é o título que me deu licenciarme en Xornalismo na USC no ano 2010, xunto ao resto da decimosexta promoción. Esta semana, nun deses grupos que aínda conservamos para poñernos ao día —e para salsear, tamén para salsear—, alguén compartiu a noticia da xubilación do catedrático Xosé López. Estou segura de que, nese mesmo instante, boa parte de nós volvemos a aquel edificio de Siza, con teitos tan altos como as expectativas coas que cruzamos a porta por primeira vez. Sentamos outra vez naquelas cadeiras de madeira pesada e mesmo fomos quen de albiscar os nosos nomes escritos, con irreverencia adolescente, sobre aquelas mesas carísimas
Por suposto, neses recordos Xosé López é unha constante, e non só para os decimosextos. Estaba alí o seu coñecemento, a súa maneira de explicar con ese ton entre serio e retranqueiro co que conseguía que o oficio parecese, ao mesmo tempo, unha responsabilidade enorme e unha aventura inevitable. Estaban tamén as súas frases, esas que un non sabe que vai gardar para sempre ata que pasan os anos e se sorprende repetíndoas diante doutras persoas. Eu fágoas miñas cada vez que teño diante un auditorio co que falar de xornalismo, coma quen leva no peto unha pequena brúxula para non esquecer de onde vén.
A pegada, a esencia, quedou. Pero nalgo si que lle fallei. Hai moito que non mancho as mans de tinta lendo polo menos cinco xornais antes das 9 da mañá. Cambieino pola pantalla, os clics e o scroll. Polos datos e as canles de distribución dixital. El seguro que o entende, e eu son unha apaixonada desta forma de traballar, porque ao final, a esencia non mudou: conseguir que a información e ás historias que pagan a pena cheguen ás persoas, agora sen importar que estean a 500, 5.000 ou 50.000 quilómetros á redonda.
Pero as veces dubido, quen non! Dubido cando a velocidade ameaza, cando o ruído pesa. Entón volvo escoitar ao Mestre, tan claro como hai dúas décadas na súa primeira clase, «bos días, xa son vostedes xornalistas», e todo acouga un pouco máis.
Así que si, Morgan deu a súa última clase na facultade de Xornalismo, pero non a derradeira. A miña aterraxe en Compostela e o (re) nacemento do meu futuro sempre o terá na súa base. Despediuse aludindo a que el sempre fora «un Balbino», en alusión ao protagonista de «Memorias dun neno labrego». Padriño, non teña dúbida, o mundo será —e xa está sendo— de todos os balbinos e balbinas.
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
- Buscan a una mujer de 53 años desaparecida este pasado martes en Vigo
- Cómo construir un nido artificial para aves urbanas: la recomendación de la la Sociedad Española de Ornitología para convivir con los pájaros
- Tercera jornada de huelga del metal: los trabajadores mantienen su calendario de protestas mientras la patronal busca evitar el colapso de Navalia
- El parque infantil «más grande» de Vigo ya tiene fecha de construcción: las obras durarán ocho meses
- Más de cuatro mil usuarios de Povisa tramitan el cambio al Chuvi
- El ADN incrimina al presunto agresor sexual de un adolescente en los baños de Vialia
- La Xunta concederá 690 ayudas para mejorar fachadas, cubiertas y muros de viviendas particulares