Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

«Nepo babies», «jipijos» ou fillos de

O músico Lenny Kravitz co súa filla, a actriz Zoë Kravitz

O músico Lenny Kravitz co súa filla, a actriz Zoë Kravitz / ANDREW GOMBERT

Onte aprendín un concepto novo. Mellor dito, aprendín un termo novo para referirse a algo tan antigo coma a humanidade. É «nepo baby», que, polo que atopei en Google, vén ser unha abreviatura na lingua de Shakespeare de «nepotism baby» e emprégase, normalmente con retranca e non precisamente para botar flores, para referirse aos fillos de persoas influentes, famosas ou artistas que triunfan no mesmo ca os seus pais grazas aos favores, ás portas abertas ou aos privilexios herdados, e non tanto por méritos propios. Os «fillos de» de toda a vida. Pero en inglés, claro, que sempre soa máis sofisticado. Non?

A de nepo babies que coñezo, mi madriña querida. E non falo de Hollywood, nin da industria musical, nin das grandes corporacións, nin desa xentiña con cinco ou seis apelidos unidos por guión, nin das sagas de funcionarios ou médicos. Non. Os «fillos de» saen coma os cogomelos do chan nun novembro dos de antes, pasado por auga. E atopámolos en todas partes, sobre todo nas administracións. «E ese como conseguiu a praza se no instituto era o máis burro da clase?» Obvio. Pois por ser o «fillo de». Por listo, vese que non foi.

O de «nepo baby» díxomo Patricia Casteleiro, con esa sorna súa de «vouche abrir os ollos aos conceptos do século XXI», e seguramente, cando lea isto, pensará que estou malversando o significado, que iso de ser nepo baby é algo máis ca ser un simple «fillo de» ou un «sobriño de» enchufado no concello ou na deputación. Sei por onde vai. E hai outro termo que tamén lle vén ao pelo: «jipijo». Pero non jipijos deses que aparentan ser pijos e non teñen onde caer mortos —que deses hai a moreas—, senón hippies que aparentan non ter onde caer mortos, pero despois percorren medio mundo, pasan unha temporada de okupas e facendo malabares pola rúa porque é moi guay vivir a experiencia, e logo, pasados uns anos, atopámolos traballando nunha administración ou na empresa familiar. Con chaqueta, gravata e toda a liturxia das boas familias.

Jipijos e nepo babies. O que aprendemos, verdade?

Logo estamos o resto. Os que non temos parentes influentes, nin apelidos de alto linaxe, nin máis vantaxes ca o enxeño, a necesidade, as ganas de medrar na vida e a capacidade de traballo. Iso si que ten mérito. Ou, polo menos, iso é o que nos dicimos para non coller unha depresión cada vez que vemos como algún sobe no ascensor mentres un vai pola escaleira cunha pexa nas pernas.

E agora vén a pregunta que non me deixa tranquilo: que faría eu se algún día chego a ser alguén influente? Se teño poder, contactos ou sona, convertería os meus fillos en nepo babies? Sería capaz de abrirlles as portas sen que tivesen que suar sangue como tiven que facer eu? Ou sería tan hipócrita coma eses que criticamos hoxe, poñendo a man no corazón mentres lles axudo a subir sen gardar cola?

Non o sei. E iso, confeso, dáme medo.

Porque é moi fácil falar contra o nepotismo cando estás abaixo. O difícil é seguir dicindo o mesmo cando xa estás arriba. Cando o favor non o recibes, senón que o podes facer ti. Cando xa non che indigna tanto o enchufe porque, mira ti por onde, agora o enchufe lévao o teu sangue.

E aí está a trampa. Que todos detestamos os «fillos de»… ata que os «fillos de» son os nosos.

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents