Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Se bebes, non dispares

Segundo os datos de execución dos Presupuestos Generales del Estado, comeza a ser patente o incremento do gasto militar. Como mostra, en decembro pasado -só nese mes- licitáronse e adxudicáronse case 21.000 millóns de euros para Defensa. A cifra, sen contexto, pouco aclara. Comparémola daquela co orzamento anual das Consellerías de Educación e Sanidade, que -en 2025- estiveron nos 2.972 e 5.434 millóns, respectivamente. Ou sexa, o que se adicou en España a armamento nun mes serviría para costear colexios, institutos e universidades -co seu profesorado, administración, persoal adscrito, etc.- durante sete anos. E no caso do Sergas, daría para que funcionase case catro anos. Que se di pronto.

As desgrazas non rematan por aquí. O grave do asunto é que a industria bélica, sabendo da nosa urxente necesidade de invertir, pon os prezos que lle peta e ofrece o que mellor lle parece. O dito inglés Beggars can’t be choosers resume o problema á perfección: os miñaxoias nunca escollen. Así, é fácil que nos tanguen por cada tanque Leopard -Made in Germany- once millóns de euros. Once, e sendo o modelo básico!, porque o máis avanzado, o Leopard 2A8, pode chegar aos 28 millóns (por unidade!).

Se cadra por iso, dun tempo a esta parte, e por aquelo de branquear esta tolería armamentística, certa opinión pública destaca que xunto cos fabricantes da artillería pesada, aproveitaranse desta chuvia de diñeiro outras áreas, a priori, menos turbias. Acontecerá coa tecnoloxía. Un caso serían os compoñentes electrónicos, e de comunicación, para equipar os avións de combate. Tamén se beneficiarían as enxeñarías que están detrás do guiado de mísiles, nos sistemas de tiro dixital ou na elaboración de gases tóxicos cunha alta taxa de mortalidade.

Pensando no «día despois», salientar a medicina e a ortopedia. Pouco se trata o tema -porque asusta- pero sen dúbida velaquí outro sector bendicido. A metralla que te desfigura o corpo, os cascallos que te esmagan os osos, ou os químicos que te derreten a pel requiren de cadeiras de rodas, muletas, implantes, transplantes e próteses varias para suplir a ausencia de dedos, de ollos, de brazos, de pés... Porque cando unha bomba explota é coma un accidente de tráfico, pero a unha escala ben maior. Algunha produtora debería preparar a campaña publicitaria: «Non podemos guerrear por ti» ...ou actualizar clásicos como «Se bebes, non dispares».

Por último, e non menos importante, os cadaleitos. Asumamos que por moito dron e moitas gafas de realidade virtual (I+D+i), nun conflito acábase morrendo antes ou despois. E alguén terá que fabricar os féretros. Outra potencial industria sacando tallada das suculentas contas de Defensa. Ao final van ter razón os que tanto chufan este millonario desembolso bélico: vai ser bo para todos, e máis que veñan! n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents