Opinión | Campo de Granada

Editor e profesor
Bofill, o debuxante do FARO

Pedro Ruiz Bofill, en su mesa de dibujo. / FdV
O pasado día 19 de abril morreu con noventa anos Pedro Ruiz Bofill, profesor e debuxante do FARO DE VIGO durante catro décadas. Nacido en Barcelona en 1936, confesoulle a Félix Caballero nunha longa entrevista que chegara a Vigo con apenas 24 anos, grazas a que o seu irmán, que montara aquí unha óptica, o avisara de que FARO precisaba un debuxante. Pedro mudouse a correr de Madrid, onde aprendía o procedemento de entintaxe nun estudio que traballaba para a editorial Rollán, a que logo sería mercada por Bruguera e que publicaba con éxito a colección policial «Aventuras del F.B.I.». En FARO DE VIGO comezou a traballar tanto para o xornal, entón dirixido por Francisco Leal Insua, como para a imprenta onde deseñaba carteis, trípticos e todo tipo de anuncios publicitarios. Ao xeito das tiras de Alex Raymond, o creador de Flash Gordon e o detective novaiorquino Rip Kirley, Bofill debutou nas páxinas do decano en 1960 cunha tira diaria policial, cuxos guións escribía o inesquecible e cultísimo Francisco Pablos.
Xaora, foi a súa páxina primeira ilustrada en FARO a que a finais de xaneiro de 1961 dedicou ao secuestro do Santa María por un comando galego-portugués. Dende entón, sempre no cadro de persoal de FARO, Bofill ilustraría milleiros de páxinas e publicaría, sendo directores Cerezales (1961-1964) e Cunqueiro (1965-1970), centos das súas caricaturas, que consideraba só podía facer cando coñecía os aspectos máis esaxerados do personaxe. Como salientou Rafa López no seu excelente obituario, Bofill compartiu o traballo xornalístico coa súa vocación de profesor de debuxo, formado, primeiro en Madrid con Carlos Sáenz de Tejada, logo, na década de 1980, en Bilbao, onde se licenciou en Belas Artes, na especialidade de pintura e escultura. Con esa credencial superou as oposicións de acceso á función pública, como profesor de Plástica durante anos no IES de Chapela, tamén o seu primeiro director, durante 1992.
No entanto, Bofill pasará a historia da cultura galega como un dos pioneiros da banda deseñada, desde que en 1962 publicou na revista Vida Gallega, entón dirixida por Álvaro Cunqueiro e cuxa cabeceira fora adquirida por FARO DE VIGO, a súa primeira historieta, El tesoro de Rande (1962), á que seguiu o seu primeiro libro, Historia da Reconquista de Vigo (1977), sobre un guión de Lalo Vázquez Gil. Aquelas cinco pranchas, en formato comic book (17 x 26 cm), grampadas e impresas a cor, abriron o vieiro da utilización da narrativa debuxada para ofrecer información histórica de forma atractiva e visual. Bofill coa eficacia narrativa do seu debuxo de liña clara, ao xeito do cómic belga, e a súa habilidade para empregar diversos planos e recursos expresivos, abriu unhas posibilidades que ensaiaran tamén Reimundo Patiño e Xaquín Marín.
Bofill deu outro paso creativo con As aventuras dun neno galego, a que consideramos a primeira serie do cómic en galego dirixida a lectorado novo. Con guións de Xesús Franco e asesoría histórica de Hidalgo Cuñarro, o proxecto nacido en 1983 nas páxinas d´A pizarra, o suplemento de educación de FARO DE VIGO, ampliouse a tres álbums de 60 páxinas, editados pola Consellaría de Educación e Cultura: Os homes do fin do mundo (1985), Os fillos de Breogán (1985) e A grande viaxe polo río (1988). Proxecto que deu pé a outro máis ambicioso, que lle levou varios anos debuxando de forma incansable: A historia ilustrada de Vigo (1996-1997), publicada en 72 fascículos por FARO DE VIGO, nos que Bofill fixo 432 pranchas sobre textos preparados pola redacción do xornal.
Outra das proezas creativas de Bofill foi a súa colaboración con Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, deseñando a maior parte das portadas da colección «O Moucho» da editorial Castrelos de Xosé María Álvarez Blázquez, aparecidas entre 1967 e 1983. Bofill aproveitou as posibilidades técnicas das tintas planas da serigrafía para ofrecer un deseño de portadas de gran unidade formal ao tempo que moi diverso pola súa facilidade para caricaturizar en situacións humorísticas, onde asoma a retranca dun «galego», ao que se lle quere icona de galeguidade. Así deixou Bofill portadas inesquecibles como a de Catecismo do labrego (1967), Sal e pementa (1968), Retorno a Tagen Ata (1971) ou A pega rabilonga (1971), entre outra que competían entón coas portadas de Xohán Ledo en Galaxia ou de Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro.
Fose este novidoso traballo de deseño de portadas, fose o de autor pioneiro de centos de pranchas de narrativa debuxada, fose o labor formativo que deixou pegada sempre entrañable no seu alumnado, Pedro Ruíz Bofill merece o recoñecemento que a súa cidade de adopción non lle soubo dar. Preparar unha mostra do seu traballo gráfico é unha tarefa que non se debería adiar. Os nosos abrazos para a súa viúva e familia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- Lista abierta para el adiós en Balaídos
- La CIG mantiene las movilizaciones en Vigo pese al preacuerdo en el metal: éstas son las calles afectadas por la manifestación del martes 19
- «Hemos formado gente, pero faltan empresarios dispuestos a contratar personal»
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- CC OO y UGT ratifican el preacuerdo del metal de Pontevedra en sus asambleas