Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

E eu meténdolle o palillo ao «kraken»...

Un polbo en cautividade na feira de Conxemar.

Un polbo en cautividade na feira de Conxemar. / MARTA G. BREA

Cando os meus fillos se decaten de que o megalodón non foi a criatura máis estarrecedora dos océanos, vailles estoupar a cachola. «Non foi? Entón cal?», preguntaranme. E máis van flipar cando lles conte que o depredador supremo foi, nin máis nin menos, que un polbo, co que lles gusta comelo. Pero non un polbo calquera, claro, senón un de dezanove metros, de hai uns cen millóns de anos, capaz de triturar esqueletos e cunha visión e unha intelixencia sen precedentes. Un «kraken». Non mo invento. Acábano de publicar na revista «Science» uns científicos xaponeses —estarían buscando a Godzilla, digo eu— tras atoparen as súas mandíbulas na illa de Hokkaido. Se xa lles tiña eu boa estima aos polbos, agora con isto xa non sei se vou volver probalos.

A primeira vez que me vin fronte a fronte cun octópodo vivo tería eu uns quince anos. Estaba coa cana tratando de pescar unhas maragotas preto do Rocamar, en Baredo, cando sentín que a liña tensaba máis da conta. Tirei e tirei, e cando vin o que traía pensei que era unha alga. Pero non: era un polbo de algo máis dun quilo. Pouseino sobre unha rocha, mirou para min con cara de poucos amigos, coma se estivese ofendido, e foi esvarando de volta ao mar. Resteille importancia ao encontro —total, ninguén me ía crer— e volvín lanzar o aparello, agardando, esta vez si, pillar cando menos un serrán. Pero non: de novo tensouse a liña e de novo apareceu o polbo en cuestión. A ver, dábame pena. Unha vez, vale. Pero dúas? Nada, amigo: acabou no caldeiro.

Cando o contei na casa non me cría ninguén. Só cando o limpamos e viu meu pai que aínda tiña enganchado o anzol anterior nun raxo foi cando me creu. Si, pesquei un polbo á cana, así que iso que din os científicos de que son animais moi listos… non sei eu. Anos despois, volvín coller algún polbo xa a flote co finado do meu primo Fito polas Estelas, que veñen sendo como as Cíes, pero en pequeniño. Levabamos unha especie de poteiras que me fixera o meu avó, con dous anzois e un caranguexo de plástico como cebo no medio —xa lles dixen que iso de que son listos…—, e enchemos medio conxelador. Pero non era o noso, eh. Intelixentes ou non, dábanme pena á hora de matalos —que non de comelos—, así que a afección durou ben pouco.

Xa de xornalista nesta casa, unha das primeiras reportaxes que fixen levoume ao IEO de Cabo Estai, si, ese que está a caer e a ver se o reforman dunha vez, onde uns biólogos me contaron que si, que os polbos son moi intelixentes, moi sensibles, moi agarimosos. Incluso me ensinaron unha mamá polbo metida nun tubo de plástico coidando dos seus ovos; explicáronme as investigacións para reproducilos en catividade e como xa os romanos os cebaban en pozas antes de papalos. Polbos normais, dos de agora. Non as bestas esas de dezanove metros que descubriron os xaponeses, que, segundo din, foron os verdadeiros depredadores alfa dos océanos no Cretáceo

Así que aquí me teñen, descolocado. Toda a vida pensando que o peor que che podía saír do fondo do mar era unha quenlla xigante con dentes como coitelos, e resulta que o auténtico xefe era o «kraken» das lendas mariñeiras. E logo dirán que non hai que respectar o produto de proximidade.

En fin, que despois disto un xa non sabe se seguir pedindo o polbo á feira con alegría ou facelo con certo respecto reverencial. Porque igual levamos toda a vida meténdolle o palillo a un antigo emperador dos mares. E iso, recoñezámolo, cambia bastante a maneira de mirar o prato.

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents