Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Casorios guay

«Van murmurando por todo el pueblo / que el niñito que ha nacido / no es de mi novio porque no hay tiempo. / De esas cosas no hago caso / porque mi novio ya estaba al tanto. / Y a las chicas que preguntan, / él les contesta: «Vino por radio». Deste xeito tan contundente é como se expresaba Elvira de Amaya, aló polos anos 20 e 30 do pasado século. Para máis información, sinalemos que as tales lavercas eran «las mocitas de Toledo». Canto ao cuplé, titúlase «Boda y bautizo» e aclara que, en efecto, a protagonista e mais o seu mozo han de celebrar á par ambos os sacramentos. En fin, malia ter que exiliarse en terras mexicanas por mor da Guerra Civil -o seu pai, republicano, foi fusilado-, e a pesar do contido da canción, a censura franquista -o de «boda e bautizo» foi descolar se cadra os censores- nunca a prohibiu. Antes ben, cando este cronista era cativo/adolescente, non resultaba raro ouvila nos «discos dedicados» da radio; polo demais, figuraba entre as favoritas da miña avoa materna, Fina.

«Casar de penalty». Pois si, raparigas e raparigos: tal e como se pon de manifesto no texto, até a consolidación da democracia, semellante práctica persistiu entre nós durante décadas e décadas. Tratábase, xa o adiviñaríades, dun deses episodios, tan divertidos (é un dicir, claro é), que lle prestaban ao franquismo. Viaxe de lúa de mel, despois? Pero de que me está a falar Vde.?

«I feel it in my fingers / I feel it my toes. / Love is all around me / and so the feeling grows.» Coido que, quen máis, quen menos, os sempre moi amables lectores destas crónicas han de lembrar os versos e corcheas do tema que interpretaban os edulcorados Wet Wet Wet mentres Charles/Hugh Grant e Carrie/Andie MacDowell se encontraban/desencontraban nos locais da Igrexa de Inglaterra, xa nesoutros da Igrexa católica, da Igrexa de Escocia e, outra volta, da Comuñón Anglicana. Catro vodas e un funeral: conveñen, desde logo, os sociólogos e analistas ad hoc no tocante ao impacto do exitoso film respecto das ascedentes perspectivas e estéticas nos casamentos do que vai do novo milenio. Carpas ad hoc nos xardíns; pazos e castelos como ámbito para a cerimonia nupcial; músicas, discursos e poesía; flores silvestres; cottagecore e poetcore -vaia, a «beleza do imperfecto»-, algodóns orgánicos, liños, desordes encantadoras, pantalóns anchos, pamelas e sombreiros, xoias herdadas e reloxos antigos..., mesmo a utilización da cor negra (fóra os tabús!), na epifanía do sloppy chic, do glitter bar e das maquillaxes con purpurina. Pero sobre todo, eis a figura do padriño/madriña entertainer e mais a definitiva eclosión dos wedding planner. E é que, como recollían as páxinas deste venerable roativo nos pasados días, velaí que, segundo explicaba urbi et orbi e para tutti quanti un destes (polo que se ve) prósperos oficiantes, «unha voda non pode depender máis do curmán dun dos noivos a relatar unhas cantas anécdotas resesas dos contraentes e como foi que ambos chegaron a coñecerse.» É dicir, pura e dura cutrería demodé. Coido que algo de razón si que levaba.

Hai xa agora algún tempo, tiven que participar, si ou tamén, nun casamento civil celebrado no sur da península, e en pleno verán, ao aire libre. Alí non había wedding planner: quero dicir, brillaba pola súa ausencia a figura dun profesional realmente cualificado que soubese administrar a cousa. E foi por iso que houbo que aturar unha inacabable sucesión de poemas -é de novo un dicir, o da lírica-, «ocorrentes» discursos varios, cánticos desafinados, relatos e coñas imposibles... que só deron paso, por fin!, a unha sudorosa carreira cara aos salvadores mananciais da cruzcampo (de nada pola publicidade) santa e xeada. De certo que nunca pensara na miña vida botar tanto en falta a presenza dun representante da Igrexa católica: e é que con el mediante, saberiamos polo menos cal viría ser a duración do suplicio, digo/escribo do singular evento.

En fin; non me faga moito caso Vdes. De calquera xeito, para os que relembren a película e/ou para os que aínda non a visionasen -e sen incorrer en ningún spoiler-, permíntanme que lles recorde/avise que, por máis que soe «Going to the Chapel» de fondo, Charles/Hugh Grant e Carrie/Andie MacDowell non acaban casando en Catro vodas e un funeral.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents