Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

A Lúa de D. Donald

«Fly me to the moon (...) Let me see what spring is like/On Jupiter and Mars» («Lévame á Lúa (...) Déixame ver como é a primavera/en Xúpiter e Marte») afinaba, a mediados dos 60 do pasado século, o gran Sinatra. O tema foi asociado -data de dez anos atrás- co programa espacial Apolo, por ben que, en realidade, os versos traten da emoción de vivir un idilio e do afán por evadirse, en compañía da persoa amada. No entanto, e tal e como andan as cousas por Washington D.C. e arrabaldes adxuntos, non sería de extrañar que calquera día destes Mr. Donald Trump xure, contraxure e perxure que o sentido das estrofas e corcheas non vén ser outro máis que o dunha chamada dos astros por el mesmo: e é que o emperador cósmico considera que todos, así terráqueos como aliens, deberiamos pasar as horas cantando sen cesar hosannas ao seu mandato.

«Vale, de acordo co de Trump, pero... : para que retornan agora os americanos á Lúa? e, xa postos: por que foron aló en xullo de 1969? Ou, mellor aínda: de veras que viaxaron naquela data? Era posible arribar coa tecnoloxía da época? E por que demoraron, daquela, tantos anos en voltar? E, ademais, como é que non seguiron logo con rumbo a Marte? E por que aínda...?»

Vale, vale!, respondo á miña vez ás preguntas efectuadas por algúns de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais. E levo a termo tal, recordándolles que o meu oficio non vai para alén da filoloxía e/ou de redactar ficcións narrativas. Secasí, imos alá.

Comezando polo final. A ver: a viaxe dos Neil Armstrong e compañía tratouse, a todas luces, dun arrouto que ben puido concluír en catástrofe. Con todo, a resposta é que si que era posible, coa tecnoloxía disposta, chegar á Lúa naquel tempo. No tocante ao por que da longa demora en retornar ao noso satélite, tal radica en que o único motivo para arriscar até o límite cartos e persoas en 1969 non viña ser outro máis que demostrar a superioridade dos USA diante do perigo vermello, representado pola URSS. Acadado o obxectivo, punto e parágrafo. Dito/escrito en bravú: na Lúa non había moito que rascar.

«E Marte? Por que non continuaron deica alá?» A ver, de novo: o primeiro gran problema dunha aventura espacial está na enorme dificultade para saírmos da Terra. O pozo gravitatorio do planeta que habitamos devén un funil, un muro a escalar que esixe que o foguete impulsor da astronave alcance unha velocidade de escape duns 40.000 km por hora e, en consecuencia, o consumo duns 4.000.000 de litros de combustible. Agora ben; tal e como sinalan os enxeñeiros aeroespaciais, resolta a cuestión, vimos estar en algo así como «na metade do traxecto a calquera parte». Polo tanto, deixando a un lado a problemática da radiación e aínda esoutra da propia arte de navegar..., nada nos impediría irmos botarlle unha ollada a Marte, o espazo profundo conforma un lugar bastante tranquilo. Entón que? Pois que sucede que entre a Terra e a Lúa median soamente -é un dicir, claro é- arredor duns 385.000 km; o que se di, un paseo cósmico. Porén, entre a Terra e Marte o mínimo teórico anda polos 56 millóns de kilómetros (o máximo atinxe os 225 millóns). Canto a Encélado -arredor de Saturno-, Titán -así mesmo unha lúa saturniana- e Europa -arredor agora de Xúpiter-, os astros «máis habitables» do sistema solar, as distancias medias deveñen, respectivamente, de 1270 millóns nos dous primeiros casos, e de 628 millóns de kilómetros para o percorrido Terra-Europa. Despois da Lúa, Marte? De novo en bravú: «vou ir visitar un curmán que vive en México». «Pois eu teño outro que anda por Montevideo. Case aproveito, entón, para que lle leves un paquete.»

«Greenland, Gaza, Hormuz... all that is my domain!!» («todo iso é o meu territorio!!») Desde logo, nada máis lonxe deste cronista que desconsiderar os labores de cientíticos e dirixentes da NASA; sen dúbida, as razóns que poñen sobre o papel resultan reais e sinceras. Mais outra cousa, iso tamén, veñen resultar aqueloutros argumentos que expón o actual inquilino da Casa Branca. «The moon is mine!!». O apetito trumpiano é insaciable.

Claro que, despois de todo, cómpre recoñecer que algo de razón si que lle asiste a D. Donald. Ao cabo, non deixa de semellar lóxico que un lunático considere que a Lúa lle pertence por dereito. Iso tamén: mentres, por Pekín adiante choran arreo (co riso).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents