Opinión
O papa non é un chinclán
Descoñecía que a León XIV lle gustaran os Herdeiros, si, os Herdeiros da Crus. Ben, a ver..., tampouco quero levantar falsa testemuña porque a miña fonte é B., que estivo uns días de vacacións no Vaticano e alí escoitoullo a unha excursión que ía desde Portonovo. Ímolo a deixar en que, se cadra, ao papa gústanlle os Herdeiros. Que, con toda a tecnoloxía que temos na actualidade, podería acontecer sen dúbida. Quen che di a ti que o papa non ten unha lista no Spoti. Lembrando unha época máis xuvenil con Víctor Jara, Joan Baez,... e con cancións como aquela de Peter, Paul & Mary «If I had a hammer» e que logo, cun pouco de maxia algorítmica, acaba saíndolle o «Non che teño medo» dos cinco de Ribeira. Si, curioso pero factible.
O conto non acaba aquí. Para referendar a teoría, B. escribiume antonte polo was: «Liches as declaracións?, seguro que o Papa na viaxe por África leva posto aos Herdeiros. Xa lle espetou ao Trump(a) que non lle ten medo. Este non é un chinclán!». Casualidade? Pode ser. Pero o que é verdade, con Herdeiros ou sen eles, é que as palabras de León XIV son do máis normaliño, a pesar da polémica. De feito lembroume a cando a miña avoa esixía amizade -por riba de todo- cando algunha refrega subía de ton: «E agora, a levarse ben e non mancarse». Que por norma xeral é o que buscamos. Poucas complicacións e cubrir certos básicos coma un teito, traballo, sanidade,... ademais do internet de banda ancha.
Pola contra, cando a maior preocupación é anexionar Ucraína, desfacer Gaza, machacar Venezuela ou invadir Irán, como castigo MAGA ou polas hipotéticas armas de destrución masiva que poda ocultar, alguén debería advertir do erro. Só que nestes tempos é coma se as guerras fosen divertidas. O trunfo da «diplomacia do abusón» como norma para relacionarse. Teño os cartos, teño o poder, e ata podo mercar o Nobel da Paz. Aos observadores, claro, máis lles vale ser agradecidos, porque se discrepan, aínda poden acabar levándoas.
Por iso temos esta maioría silenciosa, durmida co Twitter, TikTok ou no Instagram, esa parte da poboación que tenta pasar de puntas por estes temas. Demasiado politizado o de Palestina, demasiado lonxe está Venezuela, demasiado complexo entender o de Irán. É iso? De nada serven as manifestacións ou as queixas deses «radicais» pacifistas. «La vida sigue igual», ata que se disparan os combustibles ou se atrasan os pedidos de Aliexpress. Seica ten que falar o sumo pontífice para decatármonos do disparate que supoñen estes conflitos. Só que agora, faltará por saber como actúas ti: Non lle tes medo ou es un chinclán?
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde
- Nuevo paso para que se pueda viajar en AVE desde Galicia a otras comunidades del Norte sin pasar por Madrid
- La reapertura del policlínico Cíes lleva ocho meses paralizada a la espera de una autorización de la Seguridad Social
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- Dos jóvenes de Cangas denuncian por estafa al propietario del piso que habían alquilado en la villa
