Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Erea rey presas

Non lle gustas, pero funciónaslle

No pouco que levo en política, dinme de conta de algo. A política funciona como a vida real e igual que as relacións interpersoais. Estamos nunha época na que se insiste en traballar nun mesmo para poder relacionarnos mellor; e quizais na política deberíamos facer o mesmo. Entrar no xogo político debería ser sentar a unha mesa de diálogo e chegar a acordos para o ben da veciñanza. Pero a día de hoxe, ao igual que pasa nas relacións, converteuse en se ti me aportas todo vai ben; pero no momento en que me queiras poñer límites, a cousa cambia.

Podemos discrepar, ter opinións diversas, formas de ser distintas; pero no fin o resultado debería achegarnos a un punto en común á hora de facer política, mellorar a vida da xente. Pero é aí onde me pregunto, en que momento este fin mudou? En que momento, a política municipal se converteu en «estás comigo ou contra min?» Quizais levar moitos anos en política converta ás persoas que se dedican á política en seres que levantan os pés do chan e non son capaces de ver máis alá do seu propio embigo. E é aí onde non aceptar críticas construtivas, suxestións ou calquera tipo de opinión distinta é tomado como unha afronta.

A loita de egos transita acompañada da incomodidade polo contrario. Saben que precisan da oposición, pero precisan tamén atacalo e menosprezalo. Poida que para sentir que valen máis, como quen precisa atacar a outra persoa para facerse valer. E como ben di o refrán a pedradas non se collen os paxaros.

Isto non se trata de nin contigo nin sen ti, trátase e sempre se tratou da xente. Diso trata a política, todo é política, pero non debería ser só a política dunha parte. Nunha democracia deberían impoñerse os acordos polo ben da maioría social. Nestes tempos que se nos veñen, non podemos deixar que nos venza a desesperanza, as malas formas e o desprezo cara as persoas que temos ao noso carón. Debería o pleno, que é o órgano que representa á cidadanía ser exemplo dunha comunicación asertiva, aínda que se me paro a pensar, ao igual que na vida cotiá, quen ten tormentas dentro, só pode ofrecer tormentas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents