Opinión

Decana da Facultade de Ciencias Políticas
A esquerda entre «A vida de Brian» e a esperanza
A vida de Brian, a extraordinaria película dirixida por Terry Jones, contén unha das escenas máis afinadas —e incómodas— para entender a fragmentación da esquerda partidaria. Nun cuarto cheo de conspiradores revolucionarios, Brian Cohen asiste a unha discusión que parece non ter fin: a Fronte Popular de Xudea, a Fronte Xudea Popular, a Campaña polo Xudea Libre… As siglas multiplícanse, as diferenzas afíanse e a identidade constrúese máis contra a sigla veciña ca fronte o inimigo común: os romanos.
A escena é tan cómica como reveladora. Baixo os delirantes diálogos latexa unha constante recoñecible: a dificultade de verse recoñecido no outro próximo, esa tendencia a transformar a mínima diferenza nunha fronteira política. E entón a pregunta xorde, inevitable e obstinada: é un problema de unidade… ou, máis ben, de confianza?
A ciencia política ofrece algunhas respostas interesantes: o que está en xogo é o capital social que se define como a capacidade de construír relacións de confianza mutua, normas compartidas e dinámicas de cooperación sostidas no tempo. Sen ese substrato, os acordos son fráxiles, as alianzas conxunturais e a esperanza política dificilmente sostible. A miúdo, a construción do capital social vese lastrada por dinámicas coñecidas: as loitas de egos, os vetos, as ambicións individuais, a sobrecarga de hiperliderados e a emotividade constante que substitúe a deliberación por un recorrente xogo de tronos. A política desprázase así do colectivo ao persoal, do proxecto á posición, das accións conxuntas ás estratexias de parte, o que erosiona as bases mesmas da confianza.
Neste contexto, cómpre non esquecer tamén que os partidos políticos operan como estruturas organizadas para a conquista e mantemento do poder. A política constitúe esencialmente unha competencia constante entre actores políticos pola capacidade de influír nas decisións colectivas Agora ben, fronte a competencia, canto maior é o grao de confianza e cohesión interna, maior é tamén a capacidade de acumulación de poder efectivo, na medida en que a cidadanía tende a outorgar respaldo e lexitimidade a aqueles proxectos percibidos como sólidos, cooperativos e fiables.
En Galicia e no conxunto do Estado español as experiencias pasadas de formacións da esquerda alternativa como En Marea, as confluencias municipalistas, Podemos ou mesmo o nacemento do movemento de Sumar acumularon fortes doses de ilusión e esperanza referendada pola cidadanía nas urnas. Máis tarde, en maior ou menor medida dependendo de cada caso, foron mudando da ilusión á exhibición de confrontacións internas que trouxeron consigo dende casos de descomposición organizativa ata un crecente desapego da cidadanía.
O escenario actual fai aflorar vellos temores. As propostas de unión da esquerda, os debates arredor dun posible fronte amplo impulsado por Gabriel Rufián ou a vontade de rearticular o espazo de Sumar —tras a renuncia de Yolanda Díaz como candidata— configuran novas tentativas de unidade co obxectivo de afrontar as próximas eleccións xerais ante o preocupante ascenso da extrema dereita.
A percepción dominante é que moitas destas estratexias de unidade seguen operando «por arriba», como a parte visible dun iceberg que non sempre revela a solidez das súas bases nin a confianza mutua dos actores políticos implicados. Tal vez o momento esixe menos escenografía e máis método. A confianza política non nace dun chamamento pragmático electoral á unidade nin dun pacto oculto de supervivencia; nace de prácticas repetidas, de regras claras e de xestos verificables dentro e entre os partidos da esquerda que apostan pola esperanza. Só será posible se os partidos políticos son capaces de actuar como espazos de mediación e construción colectiva, non como estruturas pechadas nin como máquinas de competencia interna. Cando falla esa función, pérdese a capacidade de artellar futuro e o descontento convértese nunha oportunidade para o avance da extrema dereita.
A confianza política tamén descansa nas axendas, nos compromisos cumpridos —vivenda, dereitos, traballo, paz, diversidade, memoria democrática...— e na aprobación de melloras sociais que chegan á cidadanía.
Se a esquerda soubo ilusionar, mobilizar e transformar por que ese empeño minifundista infinito en dividirse? A pregunta final segue aberta: pode a esquerda saír da súa propia versión de A vida de Brian? A resposta está por construír, a esperanza non é unha lembranza: é unha luz que prende cando hai confianza compartida, cando ese capital social silencioso e persistente converte a política nun horizonte común.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra