Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

De usos e de abusos

De certo que este, seu, cronista procede dun ambiente no cal, e desde que andabamos a gatas, todos os cativiños portabamos xa o barrete frixio sobre as nosas cabezas; sempre a liberdade, Eugéne Delacroix mediante, a guiar o pobo. No entanto, coido que cómpre que manifeste, aquí e agora, que si concordo con semellante estima. Estou a referirme, daquela, á declaración efectuada pola S.M. Filipe VI -hai xa uns cantos días e durante unha visita a unha exposición presente no Museo Arqueolóxico de Madrid; o monarca español tiña canda súa o embaixador de México, Quirino Ordaz-, quen foi explicitar/sentenciar que no transcurso da colonización de América si que «houbo moito abuso» e «controversias éticas». Porque a pesar de que cos Reis Católicos e «con sus directrices, las Leyes de Indias, todo el proceso legislativo» si que se poida enxergar un «afan de protección» (dos pobos indíxenas), a realidade do acontecido demostra máis ben que «no se cumplan (as disposicións reais) como se pretende y hay mucho abuso desde el primer día». Trátase, polo demais, dun ditame co cal o goberno monárquico -no sei por que me miran algúns de Vdes. con esas caras-, presidido por D. Pedro Sánchez, vén coincidir plenamente: «fuimos informados y subscribimos al 100% las palabras de Su Majestad.» Pois nada; calma e acougo para ambas as beiras do Atlántico.

«Hacer ahora un examen en el siglo XXI de las cosas que ocurrieron en el siglo XV (sic) es un disparate». Velaí, da súa parte, aquilo que veu retrucar, redargüír, matizar... de contado D. Alberto Núñez Feijóo, co-líder en exercicio da leal oposición –non entendo agora os xestos dalgúns de Vdes.- e, vaia, si que hai que concertar que tampouco lle falta a D. Alberto o seu anaco de razón. En primeiro lugar, porque, en efecto, poñerse a discutir arredor do pasado así, a eito e sen levar paraugas, ben que nos pode causar unha boa molladura, preñada, ademais, de efectos colaterais. Mais aínda igualmente porque, se mal non lembro -e tendo en conta que vén resultar Dna. Claudia Sheinbaum Pardo, presidenta de Mexico, aquela mandataria que máis destaque na hora de esixir responsabilidades-, porque sucede que Hernán Cortés levou a cabo a conquista do Imperio mexica un pouco máis adiante: exactamente, entre 1520-21. Pero, en fin, século atrás/século adiante..., iso son simples detalles.

«¿Abusos? Abusos los que ya se cometían contra la propia población autóctona por parte de las poblaciones aztecas y mayas»: velaí esoutra singular resposta por parte da, sempre moi... , poñamos «expansiva», todopoderosa dirixente dos Madriles, Dna. Isabel Ayuso.

Guerras cos tlaxcaltecas, zapotecos, xochimilcas, tonotecas... -cos purépechas pincharon en óso-, e tendo en conta que eles, os aztecas, arribaron ao val de México aló polo 1250 a.C., quen eran/non eran os «autóctonos»? Significa o adaxio castelán que «entre marido y mujer, primos y hermanos, no metas nunca las manos». Porén, a Dna. Isabel tanto lle ten: a ela non lle importa para nada meter o zapato no medio e medio da lama. En fin, é o que ten aprender a historia das terras quentes desde as aulas dirixidas polo profesor Ignacio de la Macarena Cano.

«Mi familia no son gente normal/de otra época y corte moral (... ) ¿Para qué discutir si puedes pelear?», canta o incombustible Loquillo. Coido que algunha vez trouxemos a estas páxinas semanais a concepción da historia por parte de Walter Benjamin: isto é, unha sucesión de ruínas e de catástrofes que se van acumulando arreo. Non obstante, tamén destacaba o gran filósofo e ensaísta que o noso cometido está, xustamente, en rescatar de entre semellante desfeita aqueles fragmentos, aquela muxica que nos permita rescatar as voces dos oprimidos e poder enxergarmos así un futuro mellor. Porque acaso si que estamos a habitar na hora presente nun interregno, nun «tempo de monstros». Porén, diante do pesimismo da intelixencia, é necesario opoñermos sempre o optimismo da vontade. Quen sabe? Ao mellor un día destes, D.Miaguel Ángel Rodríguez, MAR, á Sra. Ayuso para que estea lea a Antonio Gramsci.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents