Opinión | De bolina

Asesor literario de Faro da Cultura
A guerra da fin do mundo (e II)
«Lonxe agoiros ou vaticinios; non obstante, tempo ao tempo, xa veremos se, máis cedo ou máis tarde, non remata por definirse o presente conflicto como o principio desoutra guerra da fin do mundo: é dicir, do mundo soñado por Trump.» Velaí o último parágrafo da crónica semanal que o autor da mesma presentaba diante de Vdes. -sempre moi amables lectores- o pasado sábado, 14. E, en efecto, coido que non está de máis insistir en que para nada pretendo exercer como augur ou adiviño analista; se algo conforma, de seu, material lábil, tal deveñen de certo as cousas da política.
Por outro lado, e tendo en conta a afección por parte de Mr. Trump de tentar seguir os pasos de David Copperfield, Fu Manchú ou incluso –«todo o que Vdes. presenciaron está na súa imaxinación»- do inimitable Anthony Blake, calquera se atreve a facer prognósticos en relación a aquilo que o actual presidente dos USA será quen de ir procurar na súa moi atronada chistera. Agora ben; malia o anterior, si que quixera, no entanto, precisar algunha cuestión -e non precisamente, menor- nas liñas que xa seguen.
Ese mesmo sábado, día 14, escribía Arturo Pérez-Reverte unha páxina que viña titular «El chino, el negro y el perejil». Sintetizando, daquela, o contido da mesma, o creador -se é que non se trata, ao cabo, de si mesmo- do capitán Alatriste explicaba nela a tutti quanti como acudindo a un comercio de propiedade chinesa -un «chino», a secas, no dicir cotián- na busca de produtos cos que axeitar un tabulé, foi descubrir, e logo de pedirlle ao dono do local un ramallo de pirixel, a existencia dun empregado negro no tal «chino», e que até xusto aquel mesmo momento xamais fixera acto de presenza. Un dependente, semioculto, de procedencia africana, pois, que o chinés apremiaba con métodos ben pouco sutís e/ou caritativos. O desenlace do escritor, membro da RAE, amosábase clarinete: segundo el, os negros continúan onde estaban, arreo no seu papel de -eternos?- subalternos. Nós, cidadáns da UE, considerando que aínda somos os guais -ou case- do mundo mundial e sen caermos na conta de que cada vez pintamos menos. Canto á parella chinesa -a dispoñer ao seu antollo do prixiel e de todos os igredientes do tabulé, eis os novos, e verdadeiros, amos do planeta.
Deixei a un lado a Pérez-Reverte e mais a súa percepción melancólica. Mais é o caso de que procurando un pouco máis tarde nas páxinas doutro medio -este do mesmo grupo de prensa que o venerable rotativo que teñen Vdes. diante agora mesmo-, fun dar aínda coa información de que hai cousa de dez anos, no ranking das dez mellores universidades de todo o mundo, figuraban un total de sete norteamericanas, dúas do Reino Unido e unha de nacionalidade suíza. Nestoutro que acaba de presentarse respecto do 2026, ben polo contrario, entre as dez mellor cualificadas figuran seis chinesas, dúas norteamericanas e dúas británicas. E vale, Ok. Mackey: dirán algúns e algunhas que hai listaxes, clasificacións... para todos os gustos. Non obstante, sabido é que cando o río soa...
No soño húmido trumpista os Estados Unidos manteñen -en realidade, debería poñer «recuperan», toda vez que xa hai algún tempo que perderon o trono- o seu papel de primeira potencia mundial así no plano militar como no socio-económico, socio-cultural... Para tal intención, despregan todo o poder dos seus portaavións, mísiles... e demais parafernalia ad hoc. O que é máis: botan man aínda os USA -iso se non son xa os outros os que botan man dos americanos- dese posto de xendarmería, oficina do FBI no Oriente Próximo que atende por Israel. Os resultados da arroutada están á vista.
No século XVIII corría polos Madriles esta copla: «¿A quién se ofende y engaña?: a España. ¿Quién prevalece en la guerra?: Inglaterra. ¿Y quién saca la ganancia?: Francia». Eu non sei Vdes., pero se algún gañador -realmente real, e disimulen a redundancia- vai xurdir da actual contenda, moito é de considerar que ten o seu enderezo no complexo de Zhongnanhai, xusto na banda oeste da Cidade Prohibida.
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo: «Es decepcionante»
- Desbloquean las cesáreas humanizadas en el hospital Álvaro Cunqueiro tras un año paralizadas y prevén retomarlas en mayo
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Silabario abre un nuevo restaurante en un hotel histórico de Vigo: «Va a ser un concepto más divertido y asequible»
- Papá y mamá te acompañan
- Una exempleada de Hormigones Valle Miñor acepta dos años de cárcel por apropiarse de 100.000 euros a la empresa de Nigrán
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»