Opinión | Segunda Feira
O coleccionista
Estamos nos cuarenta do século pasado e en Ourense, cidade na que nacín. Había alí, daquela, un quiosco de prensa moi visitado polos nenos: chamábase Viúva de Lisardo pero non se miraba naquel negocio outro poder executivo ca o do Lucho, que debía de ser o apoderado xeral da misteriosa propietaria. O tal Lucho foi quen nos introduciu a moitos rapaces no universo dos cromos. Anunciábase unha colección e logo vendíanse os cromos (anteriormente «estampillas») en sobres pechados. O coleccionista encontrábase unhas veces falto dalgún número e, outras, farto doutros. Por iso acudía á «bolsa» que tiña lugar cada domingo de mañá nos «jardinillos» (outro ourensanismo) do Padre Feixóo, próximos ao quiosco da Viúva de Lisardo que Lucho xestionaba.
Trataremos, de contado, non de cómics ou chistes senón de cromos e álbums temáticos. Case todos os nenos, e nena ningunha, participaban daquela moda. Foron aparecendo unha tras outra, as coleccións seguindo o ronsel do álbum «Blancanieves», feito a base de fotogramas da película de Disney. Continuaron os álbums de «Robinson Crusoe», «Don Quixote», «Pinocho», «Dumbo»... A min gustoume moito o que lle chamabamos «Cromos Zoolóxicos». Dentro desta serie houbo moitos cromos considerados como escasos que permaneceron na bolsa de cambio durante moito tempo, o cal orixinou algún conflito. Coma o do rapaciño magro e coxo do Polvorín que se puxo a berrar de felicidade porque lle saíra unha «Pitón» do «Zoolóxico». Este cromo, que representaba unha serpe pitón, era o máis altamente cotizado na lista dos escasos. Daquela, veu un mangallón do barrio da Ponte, e quitoulle ao devecido o cromo da man. O infeliz chorou e berrou, agora de rabia impotente. Foi cando o Xaime Quesada, que había de ser o artista plástico que o lector coñece, se enfrontou a aquel abusón mexicano, quitoulle o cromo e devolveullo ao seu dono lexítimo. Pero antes xa nos dividiramos todos os asistentes en dous bandos ás piñas e os couces de zapatón ferrado e algunhas chancas da Barbaña. A lía durou até que nos disolveu a Policía Municipal chamada polo Lucho. O Xaime era un temible xusticeiro na época en que en Ourense había heroes populares tan famosos coma o Leyenda ou o Manaicas. E eu volvín á vida dos álbums para deixala axiña: o que saiu dedicado á Guerra Mundial que acababa de finar naquel 1945 non me gustou nada. Saían demasiados retratos de Chan Kai-Check, de Roosvelt e nada sobre a bomba atómica que nos tiña obsesionados a todos. Sobre o Lucho teño que dicir que se chamaba realmente Emilio Ruíz Castro e faleceu aos 56 anos o 2 de outono de 1976. Foi fermoso o sermón funeral que lle dedicou o P. Isorna en Santa Eufemia xusto ao pé da viúva de Lisardo e do Padre Feixóo.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025
