Opinión

Director do CiTIUS da USC
As ideas non duran moito; hai que facer algo con elas
Esta frase é de Ramón y Cajal. Cítoa ás veces, en particular en conversas con estudantes, doutorandos ou emprendedores. Moitos deles, sobre todo se son novos, cren que as súas ideas non só son únicas, senón excepcionalmente valiosas, mesmo cando non pasan de ser ocorrencias. Porén, a maior parte das veces esa idea que consideran xenial e inédita xa foi pensada milleiros de veces por outras tantas persoas, e mesmo levada á práctica de maneiras moi diversas. Por riba, canto máis exclusiva cren que é a súa idea, menos se molestan en comprobar se alguén máis a desenvolveu e de que modo.
Tamén é frecuente que as súas grandes ideas queden no caixón do esquecemento ou, peor aínda, no do «algún día fareino». Ás veces abandonadas coa mesma rapidez coa que chegaron ás súas cabezas. Non é un drama. É normal que isto aconteza, sobre todo cando un é novo e o ímpeto do cerebro aínda non foi amansado pola experiencia, polos atrancos da vida e pola madurez que dan os anos.
Todo isto ven a conto dunha conversa que mantiven cun estudante que quería pedirme consello sobre a idea na que está a traballar, para ver se eu podería axudalo a avanzar no que el consideraba un punto de estancamento. Despois de lle dar a miña opinión, suxerinlle que falase con outros investigadores do centro que traballan especificamente en grafos de coñecemento, algo que pensei que podería axudalo a progresar na implementación da súa idea.
Os grafos de coñecemento son estruturas que organizan a información mediante nodos (en xeral, conceptos que manexamos as persoas, sexan estes reais ou non) e relacións entre eles. Por exemplo, podo definir París, a Torre Eiffel e Francia como tres nodos, e «estar en» como unha relación entre eles. Así, podo representar que París está en Francia e que a Torre Eiffel está en París. Isto proxecta feitos coñecidos sobre o grafo de coñecemento, pero ademais permítenos facer unha inferencia se establecemos que: se A está en B e B está en C, entón A está en C, sendo A, B e C nodos ou conceptos xenéricos. Aplicando esta transitividade da relación «estar en», podemos concluír que a Torre Eiffel está en Francia. Para nós isto é algo elemental, de sentido común, pero as máquinas non aprenden como nós, e mesmo o que nos pode parecer trivial non é tan sinxelo no ámbito da computación.
Mais volvamos á consulta do meu estudante. Despois dos meus consellos e da suxestión de que falase con outros investigadores, díxome que prefería non facelo e que, ademais, agradeceríame que eu non comentase con ninguén a súa idea. Díxenlle que non se preocupase, que así sería, mais deille un consello: se tes unha idea cuxa implementación xa avanzaches e cres que alguén pode axudarte a seguir progresando, non teñas problema en compartila. Quizais teñas que reservar certa información, dependendo do teu interlocutor e do caso, pero se falas coas persoas axeitadas non só non copiarán a túa idea, senón que van axudarche a levala á práctica.
Reid Hoffman, cofundador de LinkedIn, dixo que, se non te avergoñas da primeira versión do teu produto, é que o lanzaches demasiado tarde. Coas ideas pasa algo parecido: se as escondes ata que a súa implementación estea completamente finalizada por se chas copian, seguramente irás a destempo ou serán tan simples que nin sequera vale a pena que te esforces en levalas a cabo.
- Álex Calvo, vigués residente en Dubái: «Lo único que escuchamos son ruidos, como fuegos artificiales»
- Vigo cierra al tráfico Torrecedeira desde y hacia Praza da Industria por la reconstrucción de un pozo
- La RFEF contempla más renuncias de sedes para el Mundial 2030: Vigo y Valencia ganan enteros para estar presentes en la cita
- La científica viguesa Sara Abalde regresa a Galicia con una prestigiosa Consolidator Grant para estudiar la comunicación individual entre células cancerígenas e inmunes
- Una persecución nocturna acaba con un coche policial volcado en un solar en Pontevedra
- El ataque de un perro Shar pei en Vigo suelto y sin bozal deriva en una indemnización de 13.400 euros
- Oportunidad de negocio por 85.000 euros: se vende albergue en el Camino de Santiago
- Siete empresas compiten con Vitrasa por el nuevo contrato del autobús en Vigo de 468 millones de euros: Alsa, Arriva o la lusa Barraqueiro