Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Esquerdas, esquerdas

Como queira que disto moi moito de resultar editorialista e/ou comentarista de postín/postineo de calquera medio sistémico dos Madriles, coido ben que os, sempre moi amables, lectores destas crónicas me darán licenza para iniciar as presentes liñas acudindo a unha apreciación formulada por Indro Montanelli aló a fins dos anos 70 do pasado século. Católicos, coptos, monofisistas, restauracionistas... —por non citarmos aínda anglicanos, luteranos, calvinistas..., as moi variadas denominacións da protesta—: de acordo co gan xornalista e historiador italiano, nada máis semellante á Igrexa que a súa némese; isto é, o Partido Comunista.

Ortodoxos prosoviéticos, eurocomunistas, maoístas, trostskistas, castristas, socialismo autoxestionario... Vaticano e Kremlin, Kremlin e Vaticano: toda unha elección. Iso si: Nietzsche proclamou que Deus morreu. Mais o que si está claro é que D. Friedrich xa non mora entre nós. Canto a prosoviéticos e demais, a cousa semella revolta. En fin, parafraseando a Marx (D. Groucho), nin tan sequera a socialdemocracia parece gozar de moi boa saúde que digamos.

Pois velaí, daquela e como coñecen dabondo todos Vdes, que nestes pasados días —con D. Gabriel Rufián tentando combinar as apócemas de Merlín con esoutras habilidades de Harry Houdini, e aínda que o seu obxectivo concorde, máis ben, co de converterse en Aragorn (Estel, «Esperanza», como ben controla a familia Tolkien), capitán dos Pobos Libres—, e cal procedentes de cen naufraxios a se axuntaren no areal, as diversas correntes situadas á sinistra de D. Pedro Sánchez tentaron, e tentan, acadar os horizontes do Reino Unificado de España plural mediante a confección dunha común táctica de combate que poida frear o implacable avance das escuras hostes procedentes de Fachamordor.

Trátase, iso tamén, dunha tarefa pouco doada. En primeiro lugar porque, fronte ao que se podería considerar nunha primeira perspectiva, acontece que organizar —organizar realmente, vaia— a esquerda pluriplural dista dabondo de devir algo sinxelo. E non é que da outra banda todo se resolva, precisamente, en ríos de mel e de leite. Porén, máis aló do «aparta ti de aí, que xa me poño eu» —que iso non entende de xeometrías—, o certo é que as xentes da dereita se comportan obedientes cando quen pon o money, as pelas, a pasta gansa... toca as campás a rebato, aseverando a unidade. Polo contrario —e tal que no film de Oliver Laxe—, sucede nas hostes da esquerda algo así como que «todos vós sodes (queredes ser) capitáns.» Desde logo, trátase dunha actitude humana —mesmo demasiado humana— e lexítima, pero non dunha estratexia moi efectiva que digamos.

«Consejos vendo que para mí no tengo», sentencia o adaxio popular. Xa que logo, nada máis lonxe da intención deste cronista que axeitar prédicas. Polo tanto, apenas algúns apuntamentos que se me veñen á cabeza. O primeiro deles é que penso que estaría ben, moi ben, que a pluriesquerda se decidise a concretar se, en efecto, procura o Reino Unido —é dicir, a República Unida (e/ou Federal) ou, polo contrario, e na epifanía do oxímoron— o que se busca é atanguer a unidade para proceder a seguir á urxente autodeterminación das partes que a compoñen. En segunda instancia, entendo que debería aclarar(se) de vez, e para que o poida comprender tutti quanti, a compatibilidade/incompatibilidade de bañarse en tanga de fío dental, burkini e/ou traxe de faralaes. Tres: aceptar/expoñer que nin todos os heterosexuais se poñen talmente como cabalos cando se atopan na súa actividade, empresa, labor... cun compañeiro/a ou xefe/a doutra condición e que, a cabo, o que interesa —e o que cómpre xulgar— tal son as capacidades reais de cadaquén e punto e parágrafo.

Mais, con todo, coido ben —tan humilde como firme niso— que o máis decisivo está en que, para alén de lidiar con youtubers e influencers. Máis alá de entrar en debates nas redes, dos pódcasts e plataformas mil, de comunicarse mediante grupos de Whats..., o que si estaría moi ben, pero que d.p.m., é que se fose retornar aos talleres, ás fábricas, aos bares..., ao día e mais á noite, ás rúas. Escoitar e falar, sen prexuízos doutrinarios, coas boas xentes arredor do que hai. Traducido: volver á vida.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents