Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Oso ondo!

«Oso ondo!» significa «moi ben!» en basco. É a típica expresión que se emprega acotío, esa que poñendo atención podes ir detectando nunha conversa. As linguas son riqueza, unha pena que o meu euskera se limite ás fórmulas de cortesía (hola / adeus, por favor/ grazas, bo día /boa tarde,...) e algunha verba que se queda dunha canción, dalgunha peza dos de Vaya semanita ou cando tocan eleccións no País Basco. A máis típica, como non, lehendakari. Desfruto con esas descubertas, por iso tamén -cando existe a opción- escollo a versión orixinal nos filmes.

Fai tres anos, coincidindo coa Cuncha de Ouro a O Corno no Festival de Cine de San Sebastián, tiven a fortuna de entrevistar á sua directora, Jaione Camborda. Unha muller basca, de adopción galega tras dez anos de vida en Compostela, que rodara un filme en galego e que nesa lingua pretendía exhibilo. Non existía a versión traducida. Aquela hora e media de preguntas e respostas, nun oco durante promoción da película, son desas conversas sobre as que gosto volver.

E lembreina estes días namentres «Los Pocholos» animan a vida política da «Villa y Corte». Si, estes rapaces que nos últimos anos guiaban a Consejería de Educación madrileña cun ar demodé, como de tempos pretéritos. Saltándose as premisas dun coñecemento plural, laico e democrático e máis virados cara a uniformización cultural da «una, grande y libre»: unha identidade, unha lingua, unha cultura e un imperio... español.

Así rescataron, con pompa e circunstancia, a celebración escolar do Día da Hispanidade, fixeron algúns «retoques» nos materiais didácticos, propuñan retirar o bacharelato bilingüe (castelán / inglés) do plan educativo e trataban de impor unha -bastante reaccionaria e ideolóxica- Ley de Educación Superior (Lesuc), que agora -tralos ceses e dimisións- haberá que volver a defender ante a comunidade universitaria; é de supoñer, con importantes correccións.

Por iso recaín nas palabras de Jaione Camborda, nesa outra visión da sociedade, aberta, curiosa, diversa. A sua reflexión sobre a lingua e máis con aquela decisión de presentar o filme nos cinemas só en galego, ou apenas con subtítulos, sen dobraxe, paréceme hoxe tan acertada como naquel 2023. Preguntáballe polas reticencias que poderían amosar os espectadores a ese plantexamento inusual, e sentenciaba: «Moitas sensibilidades no mundo entenden o uso doutros idiomas como una riqueza. Unha parte do público está desexando escoitar voces diferentes… máis ben penso que é no Estado Español que arrastramos certos prexuízos a ese nivel -e aínda fiaba máis fino-, hai unhas determinadas sensibilidades que non acaban de sentirse máis ricas con máis idiomas, esa idea de homoxeneizar, de case colonizar cun só idioma, eso empobrécenos. Empobrécenos en canto a formas de ve-la vida, de expresarnos, de sentir…» E agora só queda engadir un «oso ondo!».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents