Opinión | VOYAGER

Escritora
A risa, a distancia máis curta entre dúas personas
«Me ha dicho mi terapeuta que es sano bromear sobre las desgracias propias. Pero a veces me pregunto si no nos estaremos pasando». Despois desta confesión, o meu amigo gardou uns segundos de silencio, convidándome a opinar. É certo que ambos os dous somos propensos a procurar refuxio na comedia, e que existe unha confianza que funciona coma ese lugar seguro onde podes expresar calquera inconveniencia con liberdade, sen que a outra persoa se escandalice ou xulgue.
Eu mido con quen fago humor negro, só me libero cando sei que non vou incomodar a persoa que teño diante. Para o meu amigo e para min, a comedia funciona coma unha saída pola que consegues que se dilúan a dor e a tristura, ao tempo que lle quitas ferro ao drama. Aquilo que logras transformar en relativo perde poder sobre ti; mesmo os feitos máis dolorosos. Especialmente os feitos máis dolorosos. Tamén penso que cando as persoas aprendemos a rir de nós mesmas e das nosas desgrazas e restarnos relevancia, volvémonos máis puras. Vivir sen pose, entregadas á naturalidade mentres formamos parte dunha sociedade onde a visión allea sobre a imaxe pesa tanto, é absolutamente liberador. Pesamos menos, talvez por aquilo de restarnos gravidade. Mais tamén por posuír a conciencia de rebelarnos ante a idea de ser un mero construto.
Fago esta reflexión despois de acudir a un show de Ignatius Farray. Abriu a sesión Esculmicias, cun monólogo arredor da detección dun cancro en estadio catro: «Cuántos estadios son?, le pregunté al médico. Cinco, me contestó. ¡Ah!, entonces todavía tengo uno entero por delante. Pero él me aclaró que las fases son: cero, uno, dos, tres y cuatro. Vaya, le dije, entonces me doy por jodido». Non sei en que momento acabamos rindo da situación dramática que nos narraba. Esculmicias forma parte dun colectivo de Elche que aplica a comedia de xeito terapéutico. Desde Magma Comedy traballan con adolescentes en risco de exclusión social e tamén con crianzas con diversidade funcional que acaban aprendendo a expresarse abrazando o chiste coma elemento liberador. De novo aparece esa potencia do humor para converterse nun lugar seguro.
Cando penso en Ignatius Farray vexo un oso de peluche con barba que entra en erupción cando pisa o escenario. Nunca vin alguén coa capacidade de formular tantas barbaridades por minuto e transitar do delirio á tenrura, mentres executa un número perfecto de ilusionismo que fai que cuestiones o teu propio lugar na sociedade. Todos os prexuízos que el vomita desde o seu grito son unha loita pola deconstrución e unha aposta pola esperanza. A min, que sinto certo rexeitamento polo obvio, resúltame ridículo escribir que Ignatius é provocador e irreverente. Acredito que é un xenio cun cerebro que funciona á velocidade da risa. El mesmo divulga que a risa é a distancia máis curta entre dúas persoas. Pero se algo me conmove é a súa capacidade para colocarse exactamente á altura dos teus ollos, xamais por riba. Creo que por iso, cando o público o pon nun apuro —dentro dese pacto tácito que establece de xeito automático quen te desafía— el agradece o reto con humildade. E velaí reside a marabilla: ese don para mostrarse humano e vulnerable sobre todas as cousas. Pero sempre desde a provocación, desde esa soltura que posúe e o leva a facer equilibrios sobre unha raia que ás veces cruza perigosamente, para regresar de xeito prodixioso e no momento preciso, a ese instante en que agarra a túa man e che pide perdón, case con pudor. Lin estes días unha entrevista a Isabel Coixet, ao fío da súa última película «Los tres adioses», unha adaptación da obra literaria «Tres cuencos: rituales para un año de crisis», da italiana Michela Murguia. Di Coixet que a vida é curta e non paga a pena perdela en angustias inútiles, e formula unha idea que me pareceu tan emocionante e real coma a película: non hai que morrer antes de tempo. Hai que vivir ata o final. Quizais diso se trate. De ter a valentía de non renunciar antes de tempo.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025
- La científica viguesa Sara Abalde regresa a Galicia con una prestigiosa Consolidator Grant para estudiar la comunicación individual entre células cancerígenas e inmunes
- Unas 150 variedades de camelias atraen a multitud de personas a Porta do Sol
- El pequeño pueblo a dos horas de Vigo que debes visitar este invierno: rutas por la naturaleza, paisajes increíbles y una de las mejores carnes gallegas