Opinión | DE BOLINA

Asesor literario de Faro da Cultura
Segredos dun matrimonio (francés)
«Il n’y a pas d’amour heureux» (‘Non hai amor feliz’) poemou Louis Aragon e levou ao pentagrama Georges Brassens. Velaí, daquela, o punto onde veñen coincidir, ao cabo, dous caros amigos de meu —ambos cidadáns franceses: un, nacido en Concarneau, na Bretaña; o outro de Metz, «a patria pequena» de Paul Verlaine, na Lorena— certamente desnortados, e nunca mellor dito/escrito, diante das singulares novas que nos chegaron nos pasados días desde alén Pirineos.
Coido que os —sempre moi amables— lectores e lectoras destas crónicas semanais han de ter cumprida competencia respecto do singular asunto. En todo caso, estamos a tratar da recente aprobación, por parte da Asemblea Nacional Francesa, da eliminación do «deber conxugal» —isto é, da obriga de manter relacións sexuais— dentro do matrimonio, tal e como figuraba, máis ou menos, lexislado até agora na veciña república. Promovido pola deputada ecoloxista Marie-Charlotte Garin, o novo texto legal foi certificado por algo máis de 120 votos a favor —non houbo ningún en contra; cómpre precisar, iso si, que a Asemblea Nacional está conformada por 577 membros e que, ademais, a mudanza ten de ser examinada aínda polo Senado— , establecendo que nas cerimonias civís haberá de ser lida unha cláusula a afirmar que «esta vida en común da parella non crea ningunha obriga para os cónxuxes respecto de manteren relacións sexuais». Acontece, en realidade —e de aí que subliñásemos máis arriba o de «figuraba... máis ou menos»—, que o Código Civil vixente até a data non mencionaba semellante débito carnal —si outros catro deberes: fidelidade, mantenza, asistencia e convivencia—; porén, algunhas sentenzas xudiciais interpretaron a «convivencia» no sentido de «compatir o leito», algo que ten sido aproveitado, xa que logo, para poder acadar a petición de divorcio (divorce pour faute). En fin, de acordo sempre cos defensores da iniciativa lexislativa, queda proclamada a liberdade sexual dentro do matrimonio; de non suceder así por parte dun dos cónxuxes —poñamos que o marido—, este estaría incurrindo nun delito de violación.
A joie d’amour e l’amour fou. Luís XV e mais a Pompadour. Liberté, Egalité, Fraternité. Austerlizt. Montmartre e os impresionistas. O Marne, Verdún... Charlez Aznavour e La Bohème. La nouvelle vague....E, ao final, todo iso para que? Por máis que coincidan no relato histórico, e que ambos se definan socio-politicamente como «de centro esquerda» e moi críticos verbo de Emmanuel Macron, os «meus» dous franceses discrepan, no entanto, canto ás conclusións. Así, na estima do lorenés, que houbese que agardar até á actualidade para efectuar a referida reforma dá mostra de que «somos un país en plena decadencia e, o peor de todo: desde hai moito tempo, e sen querernos decatar de tal. Arrastramos os mesmos prexuízos desde Vercingétorix!». Da súa parte, o amigo bretón considera que, en efecto, a lei francesa debe abeirarse e esoutras vixentes noutros países europeos —eis á española— nos cales non é preciso máis que a propia vontade expresa dun dos membros da parella para que se leve a termo o divorcio. No entanto, retruca que antes que dun verdadeiro avance, o novo proxecto conforma «un afán pseudoprogresista» para tentar acadar a virtue signaling (traduciríamos ao bravú como «postureo») por parte do Estado, disposto, polo visto, a meterse entre as sabas dos cidadáns e xudializar a vida privada» En fin, e sempre segundo el, «pura maquillaxe.» «En fin, —volven coincidir os meus dous camaradas— iso de ‘La vie en rose’... nin sequera na douce France que cantaruxaba Charles Trenet. Apenas pura imaxinación.»
Segredos dun matrimonio. Na película de Bergman, dez anos despois de se divorciaren, Johan e Marianne —cada un deles casado de novo polo seu lado— volven deitarse xuntos «no medio da noite, nunha casa escura, nalgún lugar do mundo». De veras temos que resignarnos? «Il reste de l’espoir» (‘Queda a esperanza’) proclaman Yanis Hadjar e Alexandre Legallicier. Moi feliz San Valentín a todos e a todas.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025