Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Atrás do Coelliño Malo

O espectáculo de Bad Bunny (Coelliño Malo) na Super Bowl (Súper Cunca) foi unha freada na deriva autoritaria yanki. Pero primeiro hai que entender que a Súper Cunca é a finalísima do campionato de fútbol americano. Un dos últimos rituais estadounidenses que resisten. Como xogar a final dun mundial, pero con ambas equipas da casa. Aínda non sendo afeccionado, o evento é algo que está no ambiente, igualiño a aquel España-Holanda en Sudáfrica-2010. Imposible fuxir, a Super Bowl está omnipresente, é transversal a toda a sociedade. Por iso, pola catarse que representa un acto destas características e porque o vivido alí ten un efecto multiplicador no resto de Estados Unidos (e no mundo occidental) a actuación do Benito foi tan comentada.

Bad Bunny —Benito Antonio Martínez Ocasio— é un chaval de Puerto Rico que canta. E mal de todo tampouco o debe facer para ser —desde 2020— un dos artistas máis reproducidos do Spotify (a principal plataforma musical de internet). As súas cancións son a mellor expresión do trap latino, algo de reguetón, perreo e música urbana caribeña. Ritmos que gustan e letras que falan de namoros, repiten «más besos», «muchas novias», ou critican os cortes de luz e a perda de identidade portoriqueña asi como a problemática da emigración na illa boricua. E esta narrativa atrae ao público. Velaquí un dos motivos polos que a industria musical está encantada co Coelliño Malo e compensouno na entrega dos Premios Grammy 2026 celebrados fai un par de semanas.

O portorriqueño levouse a xoia da coroa, o recoñecemento ao mellor album do ano, por «DeBÍ TiRAR MáS FOToS». E aí, no discurso, ao recoller o gramófono dourado comezou a lenda. Amosouse en contra da actuación da temida ICE, a Policía de Inmigración e Control de Aduanas. E como xa fixera ao recoller o premio de mellor álbum de música urbana, cando pronunciou «Fora ICE. Non somos salvaxes, non somos animais»; insistiu na mensaxe de solidaridade coas persoas migrantes: «Quero adicar este premio a todas as persoas que tiveron que deixar o seu país (...) Para todos os latinos que mereceron estar nesta tarima, recollendo este premio».

Sabendo como as gasta era de agardar que na Super Bowl mantivera esa liña rebelde, esa voz que non quere calar. E cumpriu co agardado. Cantou en español, nun país que pretende volver ao monolingüísmo en inglés, a unha cultura que uniformiza persoas e pensamentos. E situou no centro, de novo, aos latinos. Eses cidadáns que cada día sofren as inxustizas da política migratoria (representan 9 de cada 10 detidos do ICE), esquecendo que son parte imprescindible dos Estados Unidos. Benito deixouno ben claro ca mensaxe: «Juntos somos América» e pechou o show cun sonoro «Seguimos aquí!».

Tracking Pixel Contents