Opinión | Al lío

Subdirector de Faro de Vigo
Bunny, Rumi ou viquingo, elixe

Bunny, Rumi ou viquingo, elixe / Fdv
—Debería caerlle un artigo sobre o entroido, sábelo…
—Non é o meu, pero veña, vale.
A conversa foi hai dúas semanas e a miña interlocutora, como non, é ourensá. Esta xente leva o entroido no sangue, do mesmo xeito que os baioneses temos marcada cunha cruz no calendario a data da Arribada, na que tamén botamos man dos disfraces co mesmo propósito: sacudir o inverno de enriba e darlle a benvida —anticipada— á primavera. E dado que vimos de seis semanas de puro Mordor, nas que, como ben conta o meu compi Melchor —o Borja, non o outro—, os vigueses non perdemos o humor senón todo o contrario, dáme no nariz que este ano vai haber festa rachada polos catro costados. Mediño me dá…
Recoñezo que non son moito de disfrazarme, pero cando o fago métome a fondo no papel, sen medo a facer o ridículo. O importante é rirse dun mesmo, non? Tamén é certo que desde que son pai, como pasa co Nadal, o entroido vívoo doutra maneira. Os nenos pásano en grande: primeiro na escola, nesta semana na que, por riba de papá, mamá ou as profes, manda o meco; e logo xa na semana grande do carnaval, na que os que traballamos temos que facer encaixe de Camariñas para atender ás crianzas con tanto día libre. Pero todo sexa por eles.
O que non teño moi claro é de que me vou disfrazar este ano. Debátome entre guerreira K-pop —ese fenómeno de Netflix do que xa falei por aquí e que ten os meus rapaces hipnotizados— (neste caso faríame unha trenza como Rumi); Bad Bunny, coas ombreiras, o bigotiño e falando así con moito flow, pero que non che entenda nin teu pai; ou, máis doado para min, de viquingo, que xa medio disfrace o levo de serie.
E xa que o cito: que fenómeno o Benito… e vaia campaña de publicidade gratis? que lle fixo ao Amancio, aínda que, se cadra, non lle facía falta ningunha. A primeira vez que escoitei un tema seu foi na miña lúa de mel improvisada o ano pasado no coche do meu cuñado en Salinetas. O dito: nin papa entendo do que di cando fala ou canta, pero o ritmo —iso hai que recoñecelo— pégase. O mesmo pásame con Rosalía. Coa catalá, non coa nosa. Pero a culpa é miña: non teño o gusto musical refinado. Sácasme de guitarras e baixos eléctricos, batería e pouco máis… e todo me soa igual.
En resumo: non sei se acabarei de guerreira K-pop con peiteado Rumi-style, de Bad Bunny con bigote postizo ou de viquingo de saldo (opción que gaña por defecto porque non hai que mercar nada). O que si teño claro é que vou facelo polos cativos, pola miña saúde mental despois deste temporal infinito e porque, aínda que non o admita en voz alta, o entroido ten algo que che obriga a soltar amarras.
E se ao final me ves pola rúa falando con flow que non entendo nin eu, non te sorprendas. É que un, cando se disfraza, disfrázase a fondo.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025