Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Tribuna libre

Ariadna fernández

O parque de atraccións do leite

Non é novo que ser gandeiro e adicarte a producir leite pareza estar nunha montaña rusa, nun «saltamontes» da rendibilidade, nunha casa do terror das negociacións coas empresas lácteas…

É conto vello, xa o sabemos todas e todos os que muximos de memoria. Ti non pos o prezo, ti daslle as vacas, ensilas, móllaste cambiando pastores e tiras polos becerros nos partos, pero de fixar o prezo do teu produto, nada de nada. Iso xa o fan por ti, fan todo por ti menos arrimar silo, sacar esterco e darlle ao rodo para limpar. Escriben o contrato, calculan o que che queren dar, póñeno alí, xa impreso ou no correo electrónico, e ti asinas… ou asinas. Se non, búscate a vida, busca quen cho recolla, quen che dea máis por el e quen non che impoña as condicións porque ti non es quen de negociar nada, porque ninguén che garante que non vendas á baixa o teu produto, aínda que haxa unha lei para evitar iso.

Firmar ou non firmar, ese é o dilema, a eterna cuestión que case sempre acaba igual, collendo o boli e aturando ser un espectador da túa propia empresa no papel, mentres es o protagonista no traballo. Porque o leite non se conserva, se non sube ao camión baixa pola cuneta e iso é tirar cartos a mancheas, que podería ser unha medida de presión, si, pero hai quen presiona máis ca ti na industria, as vacas en ti.

Elas berran a diario que parece que levantan as chapas do tellado, berran por comer… e non sei se podedes imaxinar canto come unha vaca. Iso é coma unha máquina de mallar nunha leira de millo levando todo a feito. Comen cada día quilos e quilos de millo, herba, penso... Entón, ti firmas e aturas que che baixen 6 céntimos dunha vez e che dean unha patada na carteira, porque as vacas seguen comendo e remoendo mentres ti fas coma que negocias, pero o negocio está noutro lado.

É así como os gandeiros van pechando, case un ao día, mentres todo o mundo proclama de que a produción de alimentos é fundamental. Por que se van, por que se van? que diría a canción de Jeanette… igual deberamos, para saber que pasa, preguntarlle aos fillos e fillas dos gandeiros que pecharon sen que eles quixesen continuar a muxir.

E ti, por que te vas?n

Tracking Pixel Contents