Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | VOYAGER

O país dos mil entroidos

Nesta época en que as panadarías locen nos seus escaparates orellas, filloas e as tradicionais flores, e as escolas empezan a informar ás familias dos mandados do Meco para o atavío da semana que entra, chegou ás miñas mans a marabillosa Guía Ilustrada do Entroido Galego, de Alba de Evan e Xabier Domínguez. Esta festa de cor ilustrada por Iria Prol e publicada por Edicións Xerais, é máis ca un achegamento a esta Galicia que, nesa conexión máxica con Cunqueiro, os autores chaman O país dos mil entroidos.

Esta obra é unha ferramenta fantástica para mergullarse nas curiosidades desta festa onde podes ser quen ti queiras. Tan só hai que poñer un traxe e saír á rúa. Gustoume especialmente o carácter accesible desta guía, coa que aprendín que existen ata trece maneiras de nomear o Entroido (canto nos gusta en Galicia ofrecer unha chea de sinónimos para aquilo que nos define), e tamén o percorrido por vilas e comarcas, coas súas singularidades entroideiras, os seus traxes tradicionais e os costumes de cada unha das xornadas. Desde os máis madrugadores —en Viana do Bolo empezan a preparar o seu «Entrudio» no Nadal, e está entre os máis antigos de Galicia—; ata aqueles que recuperaron tradicións —coma as máscaras dos Vergalleiros de Sarreaus, que van pola rúa animando a xente mentres fan soar un corno de vaca—, ou tamén os Follateiros de Lobios, celebración recuperada a partir da tradición oral e que tamén comparte o Gerês do noso país veciño. Se es de Maceda coñecerás o Felo, esa figura que leva un traxe semellante aos que se locen en Laza ou Verín, malia que dependendo da zona posúan algunhas peculiaridades que os singularizan.

E falando dos Felos de Maceda, eu levo semanas compartindo vídeos con amigos de fóra de Galicia, precisamente dos Felos meneando as cadeiras —ou o que é o mesmo, facendo soar as chocas— no medio de paisaxes nevadas, nunhas imaxes que este inverno tan duro nos está agasallando, como para compensarnos de todas as borrascas. Sabías que o Entroido de Manzaneda ten coma protagonista as chamadas Mázcaras e que se mantivo intacto grazas ao seu illamento? Ah! E teñen un boi que arremete contra quen non participe na festa. Calquera se mantén indiferente ante semellante oposición! Ou que o Entroido máis longo de España se celebra en Xinzo de Limia coa duración de cinco domingos —mimá, o que nos gusta unha boa xolda...—. A quen seguro si coñeces é ao seu personaxe estrela: A Pantalla. Armados con dúas vexigas de vaca infladas e detrás das súas características carautas, andan atrás da xente que se atreve a saír á rúa sen disfrazar. Os Peliqueiros de Laza, os Vellaróns de Riós, os Cigarróns de Verín, os Osos de Salcedo, os Xenerais da Comarca da Ulla... pero como podemos ser tan cool e non estar presumindo disto sen parar?

Gocei infinito desta guía e sorrín ao atopar aos Merdeiros que saen ao Casco Vello vigués a perseguir a quen atopan pola rúa —e seguramente a infundir algo de medo nalgunha crianza—. Retranca, crítica social, festa de raíz pero, sobre todas as cousas, a gana de divertirse e sentir orgullo de pertenza a un país tan diverso coma extraordinario.

A comunidade educativa xamais permanece allea a esta celebración. Implícase contaxiando ás crianzas do esencial e desta tradición. Como exemplo, deixo aquí os mandados do Meco do CEIP Frian Teis: «Se este luns 9 te queres disfrazar, un sombreiro de palla tes que levar; Se o martes 10 non te queres mollar, unhas botas has de calzar; Se o mércores 11 na leira vas traballar, algo no pescozo has de colocar; O xoves 12 as mans debes protexer e unhas luvas debes traer». Todo o mundo a entroidar! Que entre caretas, bombos e chocas, a xente salta, baila e goza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents