Opinión | De bolina

Asesor literario de Faro da Cultura
Suspiros de España
Raymond Carr, Ángel Viñas, Fernando García de Cortázar, Edward Malefakis, R. Salas Larrazábal, Gabriel Jackson, Hugh Thomas... Saiban disimular os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais a listaxe; nada máis lonxe que calquera especie de vontade exhibicionista. Non obstante, permitan que acuda a tan senlleiros nomes para facer constar debidamente, e en primeiro lugar, que si que as súas obras veñen ocupar algúns dos andeis da miña/nosa biblioteca familiar. Trátase, por outro lado, dunha nónima que non está pechada en ningún caso e velaí, por exemplo, as recentes incorporacións de Fernando Calvo González-Regueral ou de Eduardo Montagut.
Pero por que todos e cada un deles? A resposta é doada. Vido ao mundo a mediados dos cincuenta do pasado século, medrei escoitando dos meus maiores o moi doloroso relato verbo da traxedia iniciada aquel 18 de xullo de hai agora noventa anos e das súas, tan crueis e aciagas, consecuencias. Medrei ouvindo os uns, atendendo os outros e aínda percibindo a versión daqueloutros da «terceira España». E foi por iso, xa que logo, que busquei –e que busco sempre– cotexar, relacionar, confrontar... a lembranza de cadaquén coas investigacións, análises e ensaios dos profesionais da historia. E non para chegar, certamente, á conclusión dunha única verdade irrefutable; mais si para poder establecer determinados consesos. E subliño e acentúo aínda a fórmula: en ningún xeito, a equidistancia ou o termo medio; pero si a obxectividade. Acudindo á valerosa cita de Walter Benjamin, trátase sempre de procurar nos escombros da historia a faísca que nos devolva a luz da esperanza.
Sen dúbida que saben Vdes. da polémica: eis que David Uclés –o novelista mozo, autor da exitosa novela La península de las casas vacías–, e tras figurar cumpridamente no cartel de tales actos, vén de renunciar a participar nunhas xornadas sobre a Guerra Civil, coordinadas por Arturo Pérez-Reverte, a se celebraren en Sevilla. A presenza nas mesmas de José María Aznar e de Iván Espinosa de los Monteros –Félix Bolaños, Julián Casanova, Carmen Calvo ou Juan Echanove eran outros dos participantes– foi, segundo Uclés, o detonante da súa decisión.
Non constitúe o propósito destas liñas entrar a xulgar o acerto/desacerto da conduta do creador de La península... Por outro lado, cada tempo, cada xeración –e cada membro dela– ten o dereito, e asemade o deber, de reexaminar, fiscalizar, indagar..., inspeccionar e reavaliar o pasado. Agora ben; o que non lle asiste, emporiso, é a potestade de xulgalo cos paradigmas do presente, sen máis. Moito menos aínda, interpretar que a historia da humanidade –nun exercicio, ao cabo, de puro e duro adanismo– vén iniciarse coa súa fulgurante comparecencia na mesma, e que antes de ter lugar semellante «prodixio», só foran reinar entre nós a ignorancia e mais a escuridade. «A guerra que todos perdimos» / «A guerra que todos perdimos?». A non ser que queiramos xogar á pita cega, está ben claro quen –e como– asinou o célebre parte (de guerra) do 1 de abril de 1939 e todas as consecuencias do mesmo. Non obstante, si que dubido –e dubido felizmente– de que o terror de Gonzalo Queipo de Llano derrotase a alborada de Federico García Lorca.
Vadre retro, pois, as equidistancias. Agora ben; a impunidade, a arrogancia coa que determinados mozos/as vidos ao mundo en plena democracia se atreven a xulgar, sen encomendarse nin a Deus nin ao Outro, como «boa» / «moi boa» a ditadura franquista si que entra en liña, mal que lle pese, con esoutras afirmacións da boca de toda unha señora exministra –nacida en 1987– no sentido de que tan só coa chegada dos seus correlixionarios ao goberno foi posible, polo visto, «recuperar a memoria» e impugnar o «falso relato das dúas Españas enfrontadas nunha Guerra Civil». Ou traducido ao bravú: poder descubrir o Mediterráneo.
Na primavera de 1977 tiven a experiencia de escoitarlle comentar a Enrique Líster certos episodios das batallas de Guadalaxara e do Ebro. Non sei por que me dá a alma que calquera día destes alguén, alguén demasiado novo, me vai espetar de vez que nin os historiadores, nin sequera o propio xeneral nacido en Calo (Teo) teñen n.p.i. de tales batallas. Coido que asubiarei, entón, «Suspiros de España».
Suscríbete para seguir leyendo
- Varios heridos y destrozos en el Twenty de Vigo en una pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Panxón estrena el mayor camping de autocaravanas de Galicia con visitas de siete países
- Los futuros pisos públicos de 90 metros costarán en Vilagarcía entre 108.000 y 155.000 euros