Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Bewater, my friend!

Había na tele, a comezos dos 2000, un anuncio moi pavero dun todoterreo. Nel aparecía Bruce Lee, o das pelis de artes marciais, falando de ser auga (Be water!). De baleirar a nosa mente para poder ser calquera cousa, como fai a auga. Carecer de forma e adaptarnos. Precisaba o señor Lee que cando colocaba auga nunha teteira, esta pasaba a ser a teteira. Velaquí o interesante, a auga na teteira podía fluír (para unha cunca) ou, chea de líquido, podía ser un obxecto pesado co cal golpear.

Estes días de chuva deron para pensar na auga que somos. Coma apuntaría Bruce: «Pon auga nun país e será o país. Un país cheo de auga pode escorrer ou pode rebentar». Tantas alertas e tantas borrascas seguidas amosan que somos de escorrer. Sen ir máis lonxe, xa pode tronar e caeren chuzos de punta que seguiremos pagando relixiosamente a AP-9. Este 2026 o tramo Vigo-Ferrol xa supera os 24 euros só a ida. E, a verdade, como vai seguir na mesma, case mellor esquecerse. Da igual o que prometan, chegará o día e será de novo: «Só un par de anos máis».

Pensando isto friamente, o fantástico sería quedar e non ter que depender dese transporte contaminante, ruidoso e mortal (máis de 6.000 falecidos entre 2020 e 2025 en España). Eso sería o ideal. Poder nacer na Fonsagrada ou en Viana do Bolo sen morrer no intento. Ter colexio, centro de saúde, traballo e conexión a interné. A realidade é outra. Por iso, con tanta auga... acabará rebentando o país? Eso si, a AP-9 para quen a poida pagar. As preocupacións reais son outras: un fogar, saúde, educación, democracia e igualdade.

De feito falar do tempo é a típica conversa sen contido. No inverno chove e vai frío, e na Galiza tamén ventea e neva nos altos. Eso é o normal. Sen máis. Logo que os popes se poñan a teorizar sobre a pluviometría, é como unha cortina de fume (acuosa): ollamos para as pingas sen repararmos no que se dilúe mentres chove. Por exemplo, namentres caia auga a mares, os nosos veciños do sul debatíanse entre se escoller un presidente da república «normal», cos seus defectos e virtudes, ou optar por un deses da motoserra e o terreo ermo. A segunda volta resolverase este domingo, mais o triste foi chegar a esa disxuntiva. Si, ata costa entender o seu argumentario, eses do Eixo Repunantiño, ancorados na rabia e a conspiración, realmente, que queren?

E aquí entre lóstrego e trebón, a pregunta que ninguén fai podería ser: funcionan mal os servizos públicos pola climatoloxía ou é que na verdade... funcionan mal? Difícil elección. Montemos unha comisión multidisciplinar para investigalo, my friend!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents