Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda feira

Na morte de Luís Ferreiro

Estamos a doernos da morte de Luís Ferreiro Loredo fillo de Celso Emilio e Moraima que nacera en Xixón o 16 de Setembro de 1945. Os seus pais viviron anos brillantes nos que Celso Emilio Ferreiro se afirmaba nun posto central da cultura galega e facía lucir outros poetas na colección Benito Soto da cidade do Lérez. Aínda que era coñecido antes da guerra civil, o poeta de Celanova comenzou a súa andaina en Pontevedra e lonxe dos círculos composteláns. A familia, definitivamente integrada por Celso Emilio, Moraima e os fillos que xa son catro con Luís, Xosé María, Isabel e Xavier, instálase en Vigo. Precisamente no 28 de Urzaiz nun piso onde se pode conducir en biscúter polas habitacións e corredores e cuxo ascensor pode un partido clandestino sentarse a manter oss eus debates. Xa en Vigo, o fillo maior anda sempre moi próximo ao seu pai. Luís sabe o que fai o pai e axúdao na medida que en que Celso Emilio o permite sen poñer en perigo a seguridade do rapaz. Luís Ferreiro nunca viviu en Celanova pero mantivo sempre unha fidelidade absoluta á «patria infantil» do seu pai que o levou a frecuentar a vila e a tratar nela con familias enteiras. Entre outras cousas, formou parte da asociación Curros Enríquez o que unía esta institución, máis fortemente, coa Fundación Celso Emilio Ferreiro. Fomentaba así, a relación íntima entre a memoria dous grandes poetas celanovenses. Luís estará sempre na miña memoria como un camarada entrañable, entusiasta, totalmente xeneroso na amistade e a quen levo no corazón desde que o coñecín nos días en que eu cheguei ao instituto Santa Irene como profesor. Luís Ferreiro foi enterrado no panteón familiar do cemiterio de San Breixo de Celanova. No sepelio, foi encargado da oración laica Ramón Nicolas que dixo entre outra cousas:

«Luís Ferreiro alén de custodiar a memoria do seu pai foi unha persoa que participou activamente en política, tanto na UPG como posteriormente no PSG e PSOE defendendo asemade os principios que consideraban Galicia como unha nación. Sempre insistiu na importancia da lingua galega como sinal de identidade e nos valores do republicanismo e do socialismo».

A toda a súa familia, as miñas condolencias e o meu afecto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents