Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

ariadna fernández gonzález

Para mentir hai que ser listo

Non é doado mentir, por frecuente que sexa o uso da falsidade, non é fácil o manexo efectivo da trola, require dun ingrediente indispensable na pota, a intelixencia.

Nin o Partido Popular nin o PSOE foron quen de poñerlle a máscara correcta ao seu último embuste e vender a prezo de favor unha traizón evidente ao sector agrogandeiro galego a través da firma do acordo de tratado de Mercosur. Malia o coñecido desinterese que se percibe no propio sector por parte de gandeiros e agricultoras, a sorpresa de votar en contra nosa así, a cara descuberta, pillounos traballando e tivemos que saír a correr a coller os tractores para tomar as rúas en todo o país. Non importaron os que teñen vacas rubias e tratan de vivir diso e non traballar fóra da casa para manter o gando, xestionando unha terra que caería no abandono se non fose porque é pacida. Tampouco se tiveron en conta a aquelas que se adican á cría de aves, que viven baixo a presión da gripe aviar coma unha ameaza inminente. Menos aínda se lembraron dos que poñen o traxe para sacar mel, para alimentar abellas e para loitar contra a velutina sen demasiada axuda, aínda que logo paseen polas múltiples feiras fachendeando do noso produto.

O Galiza Calidade que teñen populares e socialistas na boca foi mastigado e engulido para votar a favor de tratado de Mercosur reiteradamente en cada unha das institucións onde se someteu a debate. Levantaron as mans a favor da entrada de miles de toneladas de carne de vacún que atravesarían o océano para chegar aos nosos mercados e da chegada de toneladas de mel que competirán co das nosas colmeas e carne de ave que deixa atrás moitas das premisas que se lle piden aos titulares das nosas explotacións, sexan do tipo que sexan, todo iso sen aranceis. Comida por coches.

Mentiron e saíron dos distintos parlamentos vendendo que nos defenden, houbo algúns que ata se empolicaron nos tractores de quen ten as mans fendidas de traballar, de quen tira de becerros de raza rubia galega en Rodeiro ou Dozón, de quen leva picadas de abellas nas alvarizas de Lalín ou Agolada ou dos que controlan ao milímetro a alimentación dos seus polos e poñen ovos na túa mesa dende Silleda ou Vila de Cruces.

Non é necesario salvagardar o que non se pon en perigo previamente.

Non colou, faltoulle listura e a nós sobrounos razón.

Tracking Pixel Contents