Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Bienvenido Mr. Trump

«Os recibimos, americanos, con alegría. Olé mi madre, olé mi suegra y olé mi tía...» Pero non; por moito que Dna. María Corina Machado fose teimar arreo, acontece ben que calquera semellanza coa espléndida Lolita Sevilla (Carmen Vargas) a interpretar a célebre «Coplilla de las divisas» devén pura e dura entelequia. E de acordo: acaso puidese suceder -e quen sabe?- que D. Nicolás Maduro andase a soñar polas noites con converterse algún día nun sheriff do Far West e resultar, daquela, o afouto gañador dunha liorta no saloon tal e como o imaxinaba, do seu lado, o inconmensurable Pepe Isbert (é dicir, o alcalde Don Paco). Como tamén moito fantasearon, coitadas, certas xentes de Miranda, Carabobo, Aragua... con que os helicópteros USA lles fosen lanzar sobre os seus campos floridos, pendurados en paracaídas ad hoc, tractores guais de ultimísimo modelo: ao cabo, aquilo que si veu sobrevoar ao certo sobre eles foi Chuck Norris á fronte dos Delta Force, e nin sequera aportando un paquete de chewing gum de regalo.

Con Maduro, evidentemente, fóra de xogo, tampouco parece chegada, no entanto, a hora da citada Sra. Machado e/ou a do Sr. González Urrutia. Veremos aínda se, finalmente, si que calla esoutra de Dna. Delcy Rodríguez. Ou a de ningún deles. Porque ocorre, máis ben, que as decisións dos emperadores se proxectan tan lábiles como inescrutables. Xa que logo, non sería de extrañar –emulando de tal xeito ao seu precedente Caio Xulio César Xermánico, aló entre o 37-41 da nosa era– que Donald I se decidise, mellor, por un cabalo para rexer os destinos venezolanos. Un cabalo «viejo», tal vez e en cativa concesión ao folclore local.

Mais si que levan razón Vdes. –sempre moi amables lectores destas crónicas, que hoxe retornan logo da pequena paréntese Nadal/Reis–: Caracas non é Villar del Río e «Bienvenido Mr. Trump» non conforma ningunha comedia. Desta volta, o gran Luis García Berlanga tería que filmar, moi a pesar seu, toda unha traxedia. Máis exactamente, unha traxedia imperial e imperialista.

«We the People of the United States (...) promote the general Welfare, and secure the Blessings of Liberty...» Algunha vez, non digo/escribo que non, puideron axeitarse os USA como os paladíns da liberdade. Pero en calquera caso, aquilo que se amosa diáfano, cristalino... vén ser que os gobernos norteamericanos se conforman, si ou tamén, como unha república imperial. Entón, si que resulta conmovedor –por non utilizarmos unha expresión máis contundente– o feito de que aínda se conten, a estas alturas da historia, aqueles que se declaran abraiados, confusos...,decididamente escandalizados ao comprobaren como o actual presidente da devandita república non empregou nin unha soa vez a fórmula «democracia», para referirse ao futuro de Venezuela, no decurso dos seus atrapallados parrafeos urbi et orbi. Desesperen, polo demais, tutti quanti –e moi singularmente e para alén da súa adscrición socio-política, todos e todas os que habitan ao sur do río Bravo– que vaia expresalo máis adiante. E é que no dicir anglo-sionista rampante ocorre que «aunque o latino vista de seda...» (a monkey in silk is still a monkey, por se o prefiren Vdes. en gringo). E non se engane ninguén: en realidade, Donald I actúa como actúa pero non se afasta dos seus predecesores no trono: o que interesa, entón, non é que trate, o futuro mandatario, dun son of bitch pero si que deveña sempre our ( deles, vaia) son of bitch.

O roubo da Grande Antilla, de Porto Rico e das Filipinas. Coido ben que o almirante Cervera, aló onde queira que more, ha de considerar estupefaciente que determinados personaxes e personaxas da nosa dereita atronada se vaian congratular tentando enxergaren un desembarco dos marines nas costas hispanas que nos «libere». En fin, a poesía non cambia o transcorrer das cousas pero algo si que consola: «Eres los Estados Unidos, / eres el futuro invasor / de la América ingenua que tiene sangre indígena (...) Juntáis al culto de Hércules el culto de Mammón (...) Mas hay mil cachorros sueltos del León Español. / Se necesitaría, Roosvelt ser Dios mismo, / el Riflero terrible y el fuerte Cazador, / para poder teneros en vuestras férreas garras». Tal escribiu o máxico Rubén Darío aló por 1912. Por moito que o pretenda disimular, Donald Trump non é inmortal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents