Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Un parto sen epidural

O pasado 7 de decembro celebráronse sesenta anos da aprobación da constitución pastoral Gaudium et Spes, o documento do Concilio Vaticano II que aborda a relación da Igrexa co mundo. Un documento de longuísimo percorrido, que foi pasando por diferentes esquemas e redaccións ata chegar á aula conciliar no día anterior á clausura daquel encontro da Igrexa universal, no inverno romano de 1965.

A Igrexa precisaba mostrar con coherencia e sinceridade que a súa presenza no medio do mundo xa non podía desenvolverse desde estruturas de poder e dominio herdeiras do imperio constantiniano e que ao longo de tantos séculos serviran para convertela nunha institución afastada do evanxeo e enchoupada de poder e control. Só hai que achegarse un pouco á historia para poñer de manifesto que, durante moitos séculos, a Igrexa non foi comunidade de fraternidade e compromiso polas persoas pobres e esquecidas dun mundo que crecía desde raíces de imposición e dominio desde o amedrentamento por parte das grandes potencias a través da tolemia dunha carreira armamentística.

Nun contexto así, a Igrexa, en plena celebración do Concilio Vaticano II e querendo ser continuadora da xeira iniciada polo papa Xoán XXIII o 11 de abril de 1965 coa publicación da súa profética encíclica Pacem in terris, quería ter continuidade cun documento no que reflexionaba desde si, pero buscando o diálogo e a interrelación co mundo, para propoñer —que non impoñer— un camiño común centrado nunha antropoloxía unitaria e personalista no que o ser humano, creado e querido desde o seu ser imaxe e semellanza de Deus, ten como misión traballar por facer do mundo casa compartida onde ninguén queda excluído. Isto queda plasmado na primeira parte desta constitución, presentándose a Igrexa como compañeira de camiño das ledicias e tristuras, das angurias e esperanzas de tódalas xentes, superando así calquera proposta dicotómica ou confrontada cun mundo en cambio e movido polo optimismo dun presente que se abría a construír un futuro marcado pola paz e a constatación de calquera política de forza e violencia.

Unha Igrexa percorrendo vieiros, moitas veces cheos de fochancas e desconfianzas, ao lado doutros proxectos e propostas coas que comparte a opción pola dignidade das persoas e a necesidade de abrir os ollos a canto estaba a ocorrer no mundo. Unha apertura de ollos non para silenciar e esquecer dándolles as costas, senón prestándolle atención e integrando no seu labor pastoral —de acción evanxelizadora— e teolóxico —de reflexión—, desde un cristianismo de mediación desde a presenza das persoas crentes, homes e mulleres de Igrexa, consideradas persoas maiores de idade, e non simples executoras dos ditados da xerarquía. E todo desde un saberse persoas activas nunha realidade cambiante e permanentemente variable como era o mundo daquela, un mundo no que a palabra diálogo, continuada pola de entendemento comezaba a dar sinais de que algo grande se estaba a xestar. A Igrexa non quería poñerse de costas nin á marxe desde optimista e esperanzado proceso.

Pero para chegar ata aquí a Gaudium et Spes tivo que pasar por un tortuoso e difícil camiño e vencer os moitos atrancos que, desde posicións conservadoras se lle ían poñendo para que non saíse adiante; forzando a chegar ata o último momento para ser aprobado e abrindo un camiño para unha Igrexa que era invitada a deixar de mirar con nostalxia cara atrás para apostar por un presente e un futuro enchoupado de esperanza, optimismo e alegría, converténdose nunha Igrexa hospital de campaña que pon o seu corazón nas periferias e a súa reflexión na defensa da dignidade humana compartida.

Sesenta anos despois o texto segue a ter frescura para seguir sementando gromos verdes nunha casa común compartida.

Tracking Pixel Contents