Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

Tardebuena

Ata este ano nunca antes paseara na tarde do vinte e catro de decembro polo corazón de Vigo. Será que a miña familia e amizades son da periferia e que teño máis presente a vella tradición de acudir ás casas a desexar boas festas; ou que ás veces caio nunha especie de illamento voluntario. A cuestión é que me vin atropelada por unha rave que invadía o Paseo de Alfonso, a Praza da Constitución, a Porta do Sol e calquera espazo susceptible de congregar xente, e que foi bautizado como «Tardebuena».

Cando a iso das catro da tarde empecei a cruzarme con xente ataviada con gorros de Papá Noel, cornos de reno, copas e vasos de cervexa pola rúa, non entendín por que, de súpeto, estaba no medio dunha especie de macrobotellón. Ata que atopei unha amiga que me dixo: «¡Claro, esto es así desde hace años. Es genial, todo el mundo sale a la calle, ¡hay gente de todas las edades por todas partes!». Niso non mentía. As rúas abarrotadas, djs poñendo música e locais con altofalantes disparando cara ao exterior, nun delirio colectivo que abraza un modelo que me custa moito comprender. Non me entendan mal, gústame ver como a xente se divirte. Comprendo que quedar coas amizades no centro da cidade cunha festa desa envergadura é o plan ideal para centos e centos de persoas. Non hai máis que ver as fotos e os vídeos que corroboran isto que estou escribindo, e tamén as declaracións entusiastas dos asistentes.

Tamén recoñezo que son unha persoa que, desde sempre, teño baixa tolerancia aos ruídos, aos volumes altos e ás masificacións. E isto é absolutamente incompatible coa «Tardebuena», que para min simboliza o lume infernal. Porque non é posible camiñar sen que te atropelen, sen que te tiren unha copa por riba nun descoido, ou que intenten bailar contigo cando non queres formar parte dese evento que para ti é un pesadelo e, a cidade, intransitable. A Tardebuena é, en realidade, a «Tardemala». Pregúntome se nisto somos tribo. ¿Hai máis vigueses con intolerancia a esta alienación da cidade?

Mentres intentaba fuxir dese embotellamento e de tantísimo ruído, pensaba nas crianzas que levan auriculares aos concertos porque non poden aturar os volumes elevados. E asaltoume unha lembranza. A dunha veciña do barrio da Brea Muiñeira. Chamábase Fina. A nai de Finita e avoa de Finuca e de Julito, nesa tendencia que antes existía de entregar os nomes como legado (o pai de Julito tamén se chamaba Julio, da mesma maneira en que os meus avós Eugenio e Rosa escolleron para os seus fillos os nomes de Eugenio e Rosa, nun alarde de orixinalidade). Pero volvendo ao tema principal. Por estas datas, Fina preparaba canas do Carballiño, recheas de crema pasteleira. Acudía a un canaval que había no barrio, seccionaba a cana e logo cortábaa en anacos, para logo recubrila coa masa que fritía en aceite. Unha sobremesa deliciosa que salpicaba con azucre e canela e que na miña familia tiñamos a sorte de gozar na noite do vinte e catro, porque sempre nos traía a proba. Iso era a «Tardeboa». Recibir o agarimo en forma de larpeirada, de visita inesperada; ese timbre que soa mentres a cebola das vieiras xa está a dourar na tixola; esa aparición de última hora que se desculpa por non facer antes a visita pero é que se demorou na anterior... Hai xa moitos anos que non podemos probar as larpeiradas de Fina, porque non está entre nós. Mais esta Noiteboa, vin toda a súa descendencia, a súa tribo, camiñando baixo a lúa, pola costa do barrio. Saudámonos desde lonxe e pensei: «Para eles, a tarde do vinte e catro de decembro segue sendo isto». Habitar este Vigo rural, onde non hai ruído, aínda que si luces, algunhas escollidas con máis xeito ca outras, todo hai que dicilo. Que, por certo, moito botamos en falta este ano as luces icónicas na rúa Ramón Nieto da empresa Calfoncal, que, desde hai décadas, cada Nadal felicitaba as festas cunha instalación sorprendente que moito valorabamos. Pero o que si segue habendo é un espazo de convivencia invisible para o resto do mundo. A pregunta coa que finalizo este texto é case unha evidencia: O trinta e un de decembro vai haber «Tardevieja»? Se é así, avísenme, para non saír da miña tobeira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents