Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Cando cos zurcidos xa non abonda

Principios e valores tales como o ben común, a solidariedade, a participación, o compromiso pola casa común, a caridade social, a subsidiariedade e a xustiza, son categorías que fun explicando ao longo dos meus corenta anos como profesor de Teoloxía Moral desde unha perspectiva inter e transdisciplinar, buscando dialogar coas demais disciplinas. Quería ser unha invitación á reflexión para ir elaborando, mesmo ás veces zurcindo, unha reflexión sobre o sentido e a importancia de propoñer a esixencia de non renunciar nunca a construír tecido social, compromiso social, esixencia ética onde ninguén fose ou se sentise excluído. Propoñiamos unha reflexión desde os textos que a Doutrina Social da Igrexa (D.S.I.) nos foi ofrecendo ao longo dos seus cento trinta e catro anos de sistematización, desde a publicación da encíclica Rerum novarum de León XIII; e a partires dela todos e cada un dos documentos de carácter social que nos foron ofrecendo os diferentes papas posteriores.

Unha das ideas forza ao longo destes anos de explicación da materia era poñer de manifesto que sen tecido social e o compromiso persoal por facelo presente na sociedade, abríase unha fenda marcada polo individualismo egoísta e insolidario, que daría lugar ao esquecemento e exclusión das persoas máis fráxiles, facendo do eu criterio de insolidariedade. Pero tamén había outra liña de fondo nos contidos do curso que facía referencia á importancia de ter uns dirixentes, clase política, comprometida con esa esixencia de facer da elaboración do tecido social un eixe raíz do seu labor e compromiso polo ben común.

Os tempos líquidos nos que vivimos, levaron ao papa Francisco a escribir a encíclica Fratelli tutti (2020). Nela, buscando rescatar e actualizar a fraternidade, principio de fundamentación da Teoloxía Moral Social, ofrécenos unha reflexión en diálogo coa antropoloxía, a filosofía e as ciencias sociais, para facer fincapé na necesidade de recuperar unha das concrecións desta fraternidade para a nosa realidade social: a amizade social. Porque só desde esta categoría será posible manter actualizado e crible o compromiso ético de cidadanía e participación.

A realidade social e política que hoxe estamos a vivir parece ir en sentido contrario á proposta do papa Francisco. A desconfianza, a mentira, o engano, a manipulación, a insistencia nas emocións como criterio e a pretensión de confundir opinión con fundamentación, estannos levando ao escepticismo da cidadanía ao respecto dos dirixentes que deberían ser referentes de comportamento ético e exemplaridade moral para todas e todos, e que, por desgraza, non o son. Isto está levando a que a cidadanía amplíe a súa dose de escepticismo e desconfianza respecto daquelas persoas que foron elixidas para xestionar o ben común, que non para aproveitarse do mesmo.

Se queremos construír unha sociedade verdadeiramente igualitaria e participativa precisamos dun compromiso de todas e todos para non deixar que nos rouben ese ben tan grande que chamamos democracia, e que esixe un compromiso común, pois ninguén se pode poñer de canto ou mirando para outro lado diante da degradación ético-moral que estamos a vivir na nosa sociedade. Ninguén é imprescindible; pero si todos e todas somos importantes.

A rachadura xa é demasiado grande, a polarización estanos a converter en seareiros emocionais con incapacidade por esforzarnos e tentar escoitar a quen pensa diferente, por tentar atopar elementos comúns que fagan posible acordos en función do ben común. O que Adela Cortina denominaba construír unha Ética Cívica.

O triste espectáculo que cada día descubrimos vai poñendo de manifesto que, quizais, xa non chegue con zurcir e remendar a tea social. Ao mellor precisamos cambiar a tea e deseñar un traxe máis social e menos neocapitalista. Os odres vellos e a tea remendada xa non admiten máis remendos (Lc 5, 36-39).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents