Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Pasado e futuro da Facultade de Medicina

Aínda que xa non teño vencello orgánico, por así dicilo, coa USC despoís de 53 anos de traballo nela como profesor, non deixo de sentirme concernido por todo o que afecta á miña alma mater. Contan para min, ademais, os oito anos, entre 1994 e 2002, en que tiven a honra de ser reitor, e de intervir como tal en momentos especialmente relevantes para o conxunto da Universidade, e en particular da Facultade de Medicina.

Refírome, por exemplo, á construcción do novo Complexo Hospitalario Universitario inaugurado en setembro de 1999 despois dun complicado proceso no que houbo que substituír a primeira empresa concesionaria da obra. Como consecuencia dese traslado, conseguimos con éxito o recoñecemento da titularidade patrimonial do antiguo complexo de Galeras a favor da Universidade, no que contamos, para as difíciles negociacións diante do Ministerio de Traballo, da Xunta e do Concello de Santiago, coa axuda do presidente Fraga e a asesoría xurídica de Eduardo García de Enterría, doctor honoris causa pola USC, e do presidente do noso Consello social Jesús García Calvo. Finalmente, 25 anos despois, logo da construción previa doutros edificios, vemos hoxe ultimado o aproveitamento daquela finca coa rehabilitación para residencia universitaria do primeiro edificio do hospital de Galeras.

Igualmente, lembro agora a importancia que tivo a sinatura, en xuño de 2001, do primeiro concerto entre a Universidade e o Sergas para a colaboración na docencia, a investigación e a asistencia sanitaria que incluía tamén un relevante apartado verbo da retribución dos profesionais sanitarios e dos profesores implicados, previa aprobación do Consello social. Pero a carón destas lembranzas, agarimadas por min, figura tamén unha problemática cuestión que tiven que afrontar desde o comezo do meu mandato.

Tratrábase de que a catro anos da creación das dúas novas universidades en Galicia, nadas a partir de facultades e escolas da USC establecidas en Pontevedra, Vigo, Ferrol e A Coruña, proceso inicialmente acordado sobre a base de non duplicar determinados centros como, por caso, a Escola de Arquitectura, a de Enxenería de Telecomunicacións ou a Facultade de Medicina, A Coruña reivindicara esta última.

O reitor desta universidade publicou en 2005 un opúsculo baixo o título de El itinerario de un ciclo clínico de Medicina en la Universidad de A Coruña no que relata como a pouco da súa toma de posesión comezou a traballar a prol da «viabilidad de una licenciatura de Medicina en la recién creada Universidad». E con precisión e obxetividade describe como a proposta da creación dunha Facultade de Ciencias da Saúde foi informada negativamente pola Subcomisión de alumnado, centros e normativa xeral do Consejo de Universidades en febreiro de 2000, informe ratificado dous meses despois na Comisión académica do propio Consejo por trinta votos a favor e dous en contra. Finalmente, o Consello universitario de Galicia tivo en conta este informe desfavorable en xullo do mesmo ano. No citado opúsculo lese tamén que «puede concluirse con práctica certeza que, sin las intervenciones del Rector da la Universidad de Santiago, el informe hubiera sido favorable».

Con estes antecedentes dun cuarto de século atrás, lonxe xa de calquera reponsabilidade universitaria, síntome así e todo obrigado (e autorizado) a facer as seguintes consideracións a propósito do actual proxecto de descentralización da docencia do segundo ciclo de Medicina.

Froito dun acordo laboriosamente acadado entre as tres universidades galegas e a Xunta, que ten transferida plenamente a competencia no eido do ensino superior en Galicia, o proceso vese bloqueado pola oposición da Facultade de Medicina, que enxuiza negativamente aspectos técnicos do acordado. Subxace tamén a prevención de que o proceso conduza á creación non só dunha segunda Facultade de Medicina, senón tamén dunha terceira.

Certas voces desde fóra da universidade atribúen esa negativa a unha «resistencia medieval e localista a que Galicia avance». Polo contrario, desde a Xunta de Galicia, á que corresponde a última decisión ao respecto, afírmase nidiamente que a opción está entre «unha grande facultade de Medicina, enraizada e pensada para Galicia» ou tres «facultades pequenas», un absurdo parto dos montes que implicaría de certo o desmantelamento da actualmente existente, unha das máis senlleiras de España, avalada ademais por unha historia centenaria.

Ese pasado tan meritorio merece a adopción de medidas axeitadas aos cambios do momento para posibilitar un futuro prometedor. A este respecto, o 2025 non é o 2000. Os argumentos obxectivos e razoados que entón conduciron a teimar a prol dunha soa Facultade de Medicina seguen a ser pertinentes, pero poden e deben ser perfeccionados mediante, precisamente, a descentralización da docencia do segundo ciclo, como xa teñen feito otras facultades españolas co concurso de varios hospitais da súa contorna.

É preciso que a Facultade de Medicina asuma e se implique no plan que agora non acepta. Esa é a demanda, no meu criterio de universitario galego, que o momento lle presenta. Posto en funcionamento o plan desta descentralización, e demostrada a súa eficacia no que a todos interesa: a mellor formación dos médicos formados en Galicia, a forza dos feitos amosará o razoable da solución acadada. E aos gobernantes do futuro daralles concluíntes argumentos económicos para non encetar un oneroso proxecto de creación simultánea de dúas novas Facultades de Medicina, que non son precisamente baratas. En canto a que o desenvolvemento deste plan que debe ser urxentemente reactivado leve no seu interior un (ou dous) cabalos de Troia, soamente se me ocorre argumentar que aquel desexo, por parte de alguén, nalgún momento por vir é inevitable, como demostra o que ao comezo desta miña páxina relataba recordando tempos pasados. O decisivo, xa que logo, será un efectivo proceso de descentralización da docencia do segundo ciclo de Medicina en Galicia, aproveitando todos os nosos mellores recursos hospitalarios, docentes e investigadores, que confirmará o acerto de ter apostado de tal xeito polo futuro da nosa Facultade de Medicina.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents