Opinión | Segunda feira
A balada do café triste
Era eu neno en Ourense e andaba na pasantía da Profe, Mercedes de Gracia, que nos educaba na convivencia lendo o Corazón de Edmondo de Amicis. Daquela, faciamos moita tertulia preadolescente na Praza do Ferro. O escenario era, a un tempo, magnífico e humilde: a antiga casa de Azpilicueta, a fonte que o laicismo levou de Oseira a Ourense, os soportais de xoguete, facían do lugar un sitio único. Aínda non se acenderan as luces públicas cando reparamos, ao mesmo tempo todos, nun establecemento cuxo rótulo informaba sobriamente: Café de la Peña.
Nin un signo de actividade no seu interior. A impresión que producía o café era de tristura e mediocridade. Anos máis tarde pregunteille por el a Otero Pedrayo en Santiago. «É o café máis antigo de Ourense (díxome o Mestre). Parece habitado por carabineiros ou soldados napoleónicos defuntos.»
Praza tan linda coma a do Ferro suscitaba moita malenconía e fantasmas. Ouvindo a don Ramón volvín aos meus anos da Profe e da nenez, un intre. Algunhas persoas faláronme, desde entón, dun xogo de lotería que se facía no Peña. Eu ouvía contar con frecuencia que un anao con voz de cascallo cantaba os números do cartón, cun marcado vocalismo ourensao: «el sasenta y dos!» Ninguén vira o cantante do «númaro» pero todos coincidían en que tiña a voz dun anao.
Hai cousa de trinta e cinco anos decidín entrar ao interior do Peña. Abrín a porta e accedín ao salón máis ben escuro do Peña. Confeso que tiven medo. Vin unha barra nova e alta e, na parte de dentro, un suxeito de aspecto chinés ou oriental, que me serviu. Saín sen rematar a cervexa. E pensei en que un día escribiría un artigo sobre os anaos en Álvaro Cunqueiro ou nos que no castelo de Oriana do Amadís de Gaula fan soar o corno. Ou no sanicouco ruín que enche a novela magnífica de que é autora Carson McCullers e que ten o mesmo título que esta humilde bagatela. E moitas grazas a Maribel Outeiriño e máis a Afonso Vázquez Monxardín que me proporcionaron documentos sobre o vello Café de la Peña. O que me dá agora a oportunidade de saudar a figura de Vicente Risco como un agudo memorialista da cidade de Ourense, estimulado eu pola relectura do artigo Café de la Peña (La Región, 18-10- 1958).
Suscríbete para seguir leyendo
- Sin tren entre Vigo y Santiago a causa de un hombre subido a la catenaria, en Vilagarcía
- Argentina autoriza la entrada masiva de pesqueros extranjeros por el temporal: flota gallega, a la capa para protegerse
- La factura del jabalí: resembrar una hectárea de maíz cuesta más de 900 euros
- El Celta, un paso más cerca de Europa
- Adrián Senar, CEO de Kreios Space: «En dos años necesitaremos 2.000 o 3.000 metros cuadrados más para empezar a producir»
- Cae parte del techo del parking del Eroski de la avenida Portanet, en Vigo
- Una autovía en pleno Vigo: 'pillado' a 124 km/h en una carretera limitada a 50 km/h
- El Concello de Vigo encarga la primera fase de la ampliación de Tribuna y pide colaboración económica: «No hay excusas»
