Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Anatomía dunha xeira (e dun instante)

Como de certo han de coñecer bastantes/moitos de entre Vds., non está a virarse de cara o futuro, senón de cara o pasado, o anxo que Paul Klee deseñou no seu célebre cadro Angelus Novus. Segundo explicou Walter Benjamin na súa, así mesmo afamada, Tese IX, aquilo que contempla o ser alado é a tempestade: unha tempestade que vén empuxalo -porén e irresistibelemente- en dirección ao futuro. Trátase dunha forza, ademais, que conforma «o vento da historia”: isto é, a cadea de aconteceres que acumula arreo ruínas sobre ruínas. Sempre segundo Benjamin, esa mesma convulsión «devén o que chamamos progreso». Xa que logo, do que se trata é de irmos máis aló do simple historicismo e apoderármonos do pasado para procurar nel a faísca que prenda a luz da esperanza, rescatando dese xeito as tradicións dos vencidos. Pasado e presente han de confluíren, finalmente, nun intre de revelación crítica.

Pero vén a conto todo o parágrafo anterior porque se está a proxectar agora mesmo nas pantallas dos nosos televisores a miniserie -dirixida por Alberto Rodríguez- Anatomía de un instante, baseada á súa vez no libro do mesmo rótulo, orixinal de Javier Cercas, reavivando así o -doutra parte, incesante- debate arredor dos pormenores, circunstancias..., inconfesables e inconfesados segredos daquel 23 de febreiro de hai agora xa case corenta e cinco anos. Unha controversia que, na estima deste cronista -e velaí a opinión dalgún moi bo amigo de meu co que, desde logo, non concordo-, lonxe de artellarse desde as claves que presentaba Benjamin, teiman en presentar, desde bandos encontrados, como se se tratase dunha foto fixa, dun simple xogo de espionaxes a determinaren quen é máis espelido que quen. Tentarei explicarme.

Coinciden uns cantos, desde os dous lados do espectro ideolóxico, en aventuraren que non só o 23-F, senón aínda o conxunto da denominada Transición, estaba artellada, organizada, estruturada de antemán. Ou o que vén ser o mesmo: lonxe sempre de conformar un drama, o intento de golpe de estado ha de ser contemplado como o episodio sainetesco dunha farsa cuxo guión estivo perfectamente controlado en todo momento. É dicir: xamais existiu, polo visto, calquera posibilidade dialéctica. Ao cabo, e como adiantara o ditador, todo quedara «atado y bien atado».

Pois ben, coido que cómpre, ben polo contrario, afirmar que non é tal. Daquela, frente ao ditirambo, á apoloxía, encomio e adulación de -case máxicos- personaxes e poderes mais así mesmo perante do derrotismo inútil, do desalento dos que teiman tan só en presentaren todo aquilo como unha pura e dura traizón, unha sorte de «baixada de pantalóns» por parte dunha esquerda «incapaz de conducirse como tal», é que xorden a tempestade e mais a dialéctica nas ruínas sobre as que construír. Porque non; non foi o 23-F ningunha sorte de sainete -si, e felizmente, unha chafallada- nin tampouco a Transición unha xeira modélica. Si que se tratou dun pacto, mais non dun pacto nitidamente desigual: como o propio Javier Cercas acertou a matizar no seu libro, veu ser a esquerda quen máis perdese na hora de asinalo. De aí que a pregunta que si cabe facerse -e para iso están os analistas- é se realmente aquel acordo puido deseñarse doutro xeito ou se, ben polo contrario, a correlación de forzas daba apenas para o que daba.

En todo caso, este cronista entende aquíe e agora que, diante da tentación dun adanismo estéril, o que cabe, como anotou Benjamin, é contemplarmos o pasado e procurarmos nel a muxica de esperanza que ilumine o futuro. No medio da confusión, e para os que temos unha idade, coido que non sería un mal legado que deixarmos. O resto, sincerramente, devén puro manierismo.

(Esta crónica vai dedicada a Rafael del Castillo)

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents