Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Cuarteto Quiroga

O pasado 18 de outubro do presente ano entregáronse na nosa cidade os XLVIII Premios da Crítica 2025. O acto, desenvolvido na sede de Afundación, tivo como lema unha mensaxe que Castelao inmortalizou no seu libro Sempre en Galiza: A tradición é alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. Nesta edición, o Premio de Música foille concedido ao Cuarteto Quiroga, formación de cámara de corda, que apenas unhas horas despois de recibir o galardón manifestou por escrito: Sentimos unha fonda ledicia e gratitude, pois levamos máis de 22 anos facendo de orgullosos embaixadores polo mundo adiante da memoria ilustre do grande violinista pontevedrés Manuel Quiroga, honrando con ela a memoria cultural e musical de Galicia, tarefa que asumimos decididamente dende o comezo da nosa andaina internacional e que responde á firme convicción de que a memoria e a identidade cultural dun pobo non só se artella con pedra, terra, paisaxe, imaxes, versos e verbas, senón que precisa do tecido humano máis máxico e primixenio: a música. Esta mensaxe foi escrita polos integrantes do Cuarteto en Australia, país no que se atopaban inmersos nunha xira de concertos. Daquela, a formación delegou a recepción do Premio na persoa de Xosé Carlos Sierra, pai de Cibrán Sierra, músico galego fundador do Cuarteto Quiroga. Formación que tivemos a sorte de poder ver o pasado 10 de marzo deste ano no Auditorio de Afundación, nun concerto organizado pola Sociedad Filarmónica de Vigo, no que interpretou obras de Joseph Haydn, Alberto Ginastera e Luwig Van Beetohven, co engadido da Panxoliña para o Nadal de 1829, composición rescatada do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, adaptada polo mencionado Cibrán Sierra.

Fiel ao legado do gran violinista Manuel Quiroga, o Cuarteto que mantén o seu apelido como denominación artística, comparte en común co seu mentor unha brillante traxectoria de concertos por todo o mundo, como mostra a enorme cantidade de premios recibidos en distintos países, entre eles o Premio Ojo Crítico, concedido por R.N.E. Parella a esta actividade concertista, o Cuarteto tamén desenvolve unha intensa labor pedagóxica en conservatorios e universidades do Estado Español, Holanda ou Estados Unidos. O seu primeiro disco, Statements foi galardoado co Premio ao Mellor Álbum do ano 2012 pola Unión Fonográfica Independente. Noutra das súas producións, Terra —2017—, podemos ler no folleto inserido na edición discográfica unha interesante reflexión verbo da semántica musical: Todas as músicas son música folk: eu nunca vin a un cabalo cantar. Baseándose nesta divertida e lúcida cavilación do grande Louis Armstrong, Cibrán Sierra desenvolve nun longo artigo cunha alegación contra do reducionismo musical, que adoita delimitar estilos en detrimento dunha maior amplitude de criterio, pois como razoa o mencionado músico non hai músicas máis ou menos cultas, só responden ás consecuencias dunha sociedade determinada.

En canto ao pai artístico do Cuarteto, a biografía de Manuel Quiroga dá conta do seu nacemento o 15 de abril de 1892 en Pontevedra, na céntrica Rúa dos Comercios, que actualmente leva o seu nome. Criado nun ambiente familiar musical, aprendeu o seu oficio primeiro en Madrid e despois en París. Na capital francesa recibiu o 1º Premio de Violín do Conservatorio de París —con só 19 anos—, ao que se lle engadirían posteriormente outro máis. Ao tempo que ampliaba a súa formación como músico, coñecería á pianista acompañante Marta Leman, que acabaría sendo a súa compañeira. Desde entón, a súa actividade concertista non parou de estenderse a distintos países. En 1924 presentouse no Carnegie Hall de Nova Iork. E entre tanta ida e volta, recalou na súa Pontevedra natal, nun concerto no que acompañou ao grande Enrique Granados ao piano.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents