Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

Morrer de empacho

Nun momento das nosas vidas mudou o xeito de acceder aos contidos audiovisuais. Ocorreu de súpeto. A chegada das plataformas de streaming cambiouno todo. E agora que vivimos completamente mergullados nese exceso de oferta, dá a sensación de que hai moitas décadas que isto é así. Non é certo. Vivimos nunha inercia provocada por esa corrente que nos arrastra. A plataforma de streaming máis antiga en España é Neftlix, que chegou en 2008.

Outras coma Amazon Prime, Disney Plus, Apple TV ou SkyShowTime están con nós desde o 2019. O que a priori podería semellar un océano de posibilidades, acaba provocando unha sensación de afogamento pola incapacidade de abarcalo todo, por non saber que escoller, pola velocidade á que parecen esvaecerse os produtos culturais. Coma unha especie de horror vacui á inversa.

Agás excepcións, o que hoxe é a serie do momento, aquela da que todo o mundo fala, en tres meses é unha froita en descomposición que loce mal no medio das outras pezas novas do froiteiro, que acaparan a atención mediática, potenciada polo público a través das redes sociais. É unha especie de maquinaria ben engraxada na que todas somos parte esencial. Os filmes duran nas salas de cine o que tarda un misto en consumirse, o lanzamento dun disco dura o mesmo ca un episodio dos Looney Tunes e as grandes superficies dedicadas á venda de libros (chamarlles librarías é ousado) son unha feira de mesas de exposición repletas de volumes de cantos decorados con ansiedade, cunha sección especial para os calendarios, tote bags e artigos e complementos para grandes amantes da lectura.

Hai uns días visitaba unha desas grandes superficies en Vigo e, despois de deambular durante máis de vinte minutos buscando libros en galego, dirixinme a un dos dependentes: «perdoa, a sección de libros en galego?» «Si, alí, ao fondo, detrás daquela columna, naquel recuncho a carón dos videoxogos».

«Estamos, castigados?», escapoume, case sen querer, ao resultarme imposible enxergar os andeis que estaba sinalando. E el, agarimoso mais sincero, contestou: «por desgraza, si». Achegueime ao recuncho de libro galego e case nin me sorprendín ao atopar mesturados libros en galego, en castelán e un caos de xéneros literarios que facían imposible atopar nada, malia a escasísima oferta.

Mais isto é só unha anécdota que tampouco importa tanto. É absurdo procurar libro galego en certos establecementos, non me volvín tan parva dun día para o outro. O que me supera é o exceso, que esmaga o que se crea alén da hexemonía, e que ese exceso estea protagonizado polo que máis me seduce: as historias.

Como é posible que ter a posibilidade de ver todas as series, de escoitar todos os discos, de xogar todos os videoxogos, de acceder a todos os libros me provoque tal frustración? Desculpen o símil, pero é como ir a un restaurante cunha carta onde ofrecen quince entrantes, quince primeiros pratos, quince segundos e dez sobremesas diferentes. Tes sensación de enchente antes de empezar a cear e acabas pechando a carta e deixando que outras persoas escollan por ti. Iso é o que máis me aterra, renderme e deixar de ser eu quen elixa.

Algo está funcionando regular cando entras nunha libraría, paseas pola sección de Romantasy, pola de manga, pola de novelas de fantasía e te sentes culpable porque non estás lendo o suficiente e semella que xa non estás ao día do que máis se vende. Pero que é que o máis se vende? Onte formuleille esta pregunta a un libreiro de Parla e contestoume: «as edicións especiais». «Pero de que autor?». «De calquera, iso non importa. A xente busca libros bonitos», sentenciou.

E eu, que busco? Atopar un espazo de calma onde poder ler aquel libro, ver aquela serie ou escoitar aquel disco que me conmove sen estar a mercé da trituradora do mercado. E da mesma maneira que escribo isto, admito que son unha desas espectadoras que agardaba con ansia a estrea da quinta temporada de Stranger Things (a serie do momento), que xa vin os catro primeiros capítulos, que papei un spoiler por culpa das redes sociais e que é probable que os volva ver antes de que o 25 de decembro estreen os seguintes. Aínda non sei moi ben onde está o equilibrio.

Talvez o único que importe sexa buscar a emoción e apreixala ben forte, mentres agardamos a fin da treboada.

Tracking Pixel Contents